Os catro grupos municipais aproban en Pleno o acordo de organización do Concello da Coruña
Na tarde deste xoves os catro grupos con representación no Concello da Coruña (Marea Atlántica, PPdeG, PSdeG e BNG) aprobaron por unanimidade a nova organización municipal. O respaldo á proposta negociada polo equipo de Goberno produciuse despois de que o pasado luns todas as formacións acadasen un consenso en torno a cuestións tales como a periodicidade das sesión plenarias, as comisións que se levarán a cabo no Consistorio, ou as retribucións dos edís.
O alcalde, Xulio Ferreiro, quixo felicitar a todos os grupos municipais por ter chegado ao acordo co que se logrou sacar adiante o Pleno de Organización. Ademais, insistiu en que, este consenso histórico, “que permite á oposición ter máis medios que nunca na historia do Concello marca un precedente”. “Non debería ter sido necesario chegar a hoxe para conseguir un acordo unánime, xa que entendo que a proposta que se presentou o pasado día 11 en Pleno non contiña grandes diferenzas con respecto a esta”, apuntou Ferreiro, quen, non obstante, quixo destacar que as bases do consenso acadado “marcan un punto de inflexión e de non retorno”. “Non creo que nos sucesivos gobernos caiba outra forma de entender o reparto de roles”, dixo. “Estamos a facer unha dotación de medios que nunca houbo para os grupos que non están no Goberno”, engadiu o alcalde.
Por outro lado, o rexedor coruñés quixo deixar claro que esta nova proposta de organización trae aparellada unha considerable rebaixa nas retribucións que recibirán os concelleiros. “Este novo Goberno cobra menos, polo que tamén custa menos aos cidadáns”, explicou Ferreiro durante as súas intervencións. “Negarlle medios ao Goberno local, é negarllos á cidade, non ao grupo da Marea Atlántica”, opinou.
Por outro lado, a voceira do BNG, Avia Veira, quen na súa intervención ratificou o acordo acadado e o voto a favor de cara á proposta de organización municipal, salientou a redución de soldos neste novo mandato. A portavoz socialista, Mar Barcón, declarou que, tras as negociacións, se tiña chegado a un “bo marco organizativo que, esperemos, perdure no tempo e se transforme nunha mellora da vida dos cidadáns”, indicou. Por último, Carlos Negreira, polo PP, indicou que, na súa opinión, será necesario “seguir dialogando” para pechar todos os acordos que teñen que ver co funcionamento do Concello e dos grupos municipais, aínda que se acadaron “unas bases importantes”.
Así, e tras o acordo acadado por unanimidade neste Pleno de Organización, as sesión ordinarias plenarias celebraranse o primeiro luns de cada mes, ás 17.00 horas, coa fin de poder facer estes actos máis abertos á cidadanía en xeral. Haberá ademais 15 comisións, unha delas a de voceiros de grupos, cuxa presidencia estará repartida entre os grupos con representación no Municipio (5 para o grupo de Goberno, 5 para o PP, tres para o PSOE, e un para o BNG).
Por outro lado, tamén quedaron marcadas as retribucións dos concelleiros. En concreto, o alcalde percibirá 40.000 euros brutos ao ano, mentres que os edís de Goberno cobrarán 35.000 euros. Os que posúen dedicacións parciais de seis horas de traballo ao día terán unha retribución de 27.000 euros brutos/ano, mentres que os que teñen unha dedicación parcial de 4 horas, recibirán 20.000 euros ao ano.











