Os bombeiros de Vigo retiran mediante descenso a rápel un niño de avespas situado nunha cornixa
Efectivos de Bombeiros de Vigo do parque de Balaídos retiraron un niño de avespas situado na cornixa do último piso dun edificio de 15 plantas do barrio de Coia, ao que tiveron que acceder descendendo a rápel dende unha cheminea do tellado.
Segundo informaron fontes de Bombeiros, recibiron pola tarde o aviso para que se trasladasen ao número tres da rúa Santa María de Oia, pero esperaron ata a noite para coller a colmea, posto que en principio é máis doado pola menor actividade das avespas.
O niño atopaba colgado dunha argola de obra – para saneamentos – na cornixa situada enriba do 15 andar, nunha zona de fachada sen ventás, polo que para acceder a el tiveron que baixar descolgándose dunha cheminea.
A colmea, que malia que era de noite tiña moitas avespas por fóra pola luz da cidade, tiña 65 centímetros de alto e 40 de ancho. Tras descolgala foi introducida en sacos de lixo, que pecharon con fita illante, e despois nunha saca de rescate, tras o que foi izada por outro bombeiro.
Con posterioridade, o niño foi levado ao parque central de bombeiros e introducido nun conxelador para matar as avespas por conxelación.











