Os baremos para o comedor de verán foron os mesmos que para o campamento de verán aprobado polo PP

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Os baremos utilizados para conceder as prazas no comedor de verán son exactamente os mesmos que aprobou o goberno do Partido Popular para o campamento de verán; un campamento ao que, como xa se dixo en reiteradas ocasións, está ligado o propio comedor. Polo tanto, o actual goberno non chega a entender as críticas de quen agora é oposición e máis aínda cando recoñecendo que descoñece as circunstancias da posta en marcha do servizo –e por iso piden o aceso ao expediente- xa teñen a conclusión: foi un “rotundo fracaso”.

Ademais de facilitarlle ao aceso á documentación, o goberno local quere ir máis alá e por iso convocará aos portavoces dos distintos grupos a próxima semana para explicarlles polo miúdo as razóns e circunstancias nas que se creou este servizo. Como xa se explicou, apenas houbo tempo para desenvolvelo, e hai que ter en conta que as peticións deben ser avaliadas e baremadas para garantir a igualdade no aceso ás axudas públicas.

Na reunión tamén haberá tempo para aclarar algúns datos e conceptos que o PP manexa ou seu antoxo: por exemplo, que o ano pasado os vales complementarios de alimentación beneficiaron a 42 familias, o que equivale aos 80 vales (42 por mes) aos que se refire o PP, e que neste ano o goberno salinte non preveu esas axudas pese a ter tempo para facelo. Ou, por exemplo, que en só 15 días de xullo, o actual goberno xa tramitou 62 axudas de alimentos a través de Servizos Sociais, ao marxe do comedor de verán.

Pero, en todo caso, o criterio seguido para crear ese comedor –algo que ao parecer tamén preocupa ao grupo popular- está claramente expresado na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia en Galicia, promovida polo goberno popular da propia Xunta de Galicia, e que no seu artigo 29.3, di:

“3. A Xunta de Galicia promoverá no ámbito educativo actuacións conducentes a facilitaren a conciliación da vida persoal, familiar e laboral con actividades tales como:

1.º) Mellora dos servizos fóra do ámbito lectivo mediante a apertura de centros durante os días laborables non lectivos e as vacacións escolares, así como mediante a ampliación do horario de apertura dos centros durante os días lectivos establecidos polo calendario escolar, para atender o alumnado menor de 12 anos, en colaboración, de ser o caso, coas asociacións de pais e nais e os municipios, nos centros educativos públicos”.

Por último, e en relación ás dúbidas expresadas polo principal grupo da oposición sobre a idoneidade hixiénica das instalacións de Fexdega para albergar un comedor, o actual goberno non se explica entonces como o anterior organizaba no mesmo recinto as romarías das persoas maiores e como permitiu que nada menos que un congreso médico de carácter nacional puidera celebrar, precisamente en Fexdega, unha multitudinaria cea servida por un cátering, o mesmo sistema que se utiliza cos rapaces que participan no comedor de verán.

17 de xullo de 2015 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.