Os atletas da Ximnástica apuran a clasificación para o nacional absoluto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedra
A-
A+

Achégase o Campionato de España absoluto, o 1 e 2 de agosto en Castelló e os atletas da Sociedade Ximnástica continúan competindo en busca da marca de cualificación. En Majadahonda, Eduardo Gallardo, volveu mellorar a súa marca do ano en 400 metros, en 48.73; aínda ten que correr en 48.00 para acudir a Castelló, pero está a achegarse.

Na localidade Guipuscoana de Ordizia, David Martínez, parou o crono nos 1.500 metros, en 3.47.45, a un segundo da mínima nacional, mentres que Mario Álvarez, con 7,02 no salto de lonxitude foi terceiro. Mario tamén participou na Reunión nacional de atletismo de Durango, chegando até os 7,22; que lle deixan a 18 cm. de clasificarse para o Campionato de España.

O mellor do fin de semana foi a nova marca da Sociedade Ximnástica que bateu Julián Ortiz nos 110 metros valas, con 14.01 mellorou nunha centésima a súa anterior mellor marca; no Trofeo que se celebrou na localidade belga de Sint Niklaas.

Julián, que xa está clasificado para o nacional absoluto, participou tamén no Gran Premio de Bruxelas, buscando baixar da barreira dos 14 segundos, volvendo quedar moi preto con 14.04 na carreira preliminar e 14.05 na final.

Cinco vitorias parciais da Ximnástica, na última Serie Municipal de Atletismo de Vigo

A atleta da Sociedade Ximnástica, Rocío Rodríguez, conseguiu a marca esixida para acudir ao nacional absoluto, na proba de 1.500 metros, asinando 4.33.02 na meta do Estadio de Balaídos de Vigo, no transcurso da sétima xornada das Series Municipais de Atletismo. A atleta da veterana Sociedade, achégase perigosamente aos 4.29.6 que ten Carmen Pemán, desde o ano 1994, como mellor marca da entidade pontevedresa.

Ademais desta vitoria, a Ximnástica sumo outro catro triunfos máis, no quilómetro impúxose Pedro Santos na carreira masculina, mentres que na feminina fíxoo a súa irmá, Carolina Santos; David Ferrer gañou o salto con pértega con 4.42, marca persoal e Andrea Pais fixo o mesmo nos 200 metros con 26.33. Ademais hai que destacar os terceiros postos de Eva Salvado no dobre hectómetro e Inés Martínez, no salto con pértega.

8 de xullo de 2015 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.