publicidade hoxe

Os alcaldes de Soutomaior e Ponte Caldelas profundizan na boa relación institucional e de veciñanza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte CaldelasSoutomaior
A-
A+
Reunión dos alcaldes

Reunión dos alcaldes

Os alcaldes de Soutomaior,  Agustín Reguera Ocampo, e o de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, mantiveron esta mañá unha xuntanza de traballo no Consistorio de Soutomaior para profundizar nas boas relacións institucionais e de veciñanza que sempre mantiveron estes dous concellos limítrofes.

No transcurso da xuntanza o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, propúxolle ao seu homólogo a necesidade de impulsar a creación dunha agrupación de voluntarios de Protección Civil que estivera formada por persoas con vocación altruísta e que cumprira coas esixencias que contempla a normativa disposta pola Xunta de Galicia nesta materia. A idea sería a cesión do material e medios dos que dispoñen non só estes dous concellos senón tamén poder chega a un acordo para incluír os de Cotabade, A Lama e Fornelos, pasando esta agrupación a ter como radio de acción os cinco municipios mencionados.

A idea foi valorada moi positivamente por ámbolos dous rexedores e quedaron en estudar máis en profundidade tanto as posibilidades de colaboración nesta materia como o mecanismo legal que tería que establecerse para que esta agrupación, na que tiveran protagonismo os voluntarios, poida recibir o apoio destes catro concellos.

COLABORACIÓN ECONÓMICA COA ESTACIÓN DE BOMBEO DAS AUGAS RESIDUAIS DE SILVOSO E ARANZA ATA A EDAR DE COMBOA

Por outra banda, o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, plantexoulle ao seu homólogo de Ponte Caldelas a necesidade de establecer un sistema de colaboración económica no sostemento dos custes de mantemento e funcionamento da estación de bombeo que impulsa as augas residuais de Silvoso e Aranza cara á estación depuradora pertencente á Xunta de Galicia, ubicada en Comboa.

Reguera sinalou que era unha necesidade xa exposta con anterioridade ao goberno local de Ponte Caldelas do que se solicitaba colaboración xa que o maior aporte do sistema de saneamento procede do lugar de Silvoso e, nembargante, é o de Soutomaior o que corre con tódolos gastos que, no caso das reparacións que se producen polo importante aporte de area que transportan as tubaxes do sumidoiro, xa que recibe gran cantidade de augas pluviais que arrastran elementos que provocan estas avarías, fan preciso da colaboración responsable de ámbolos dous concellos.

Andrés Díaz sinalou a intención do seu goberno de analizar polo miúdo esta circunstancia e incluír unha partida nos orzamentos municipais, que se comezarán a elaborar no mes de setembro, co fin de atender de xeito responsable unha cuestión que resulta urxente corrixir.

Finalmente, ámbolos dous alcaldes sinalaron o bo clima de entendemento institucional e avogaron por manter este tipo de contactos para profundizar na colaboración entre administracións locais e, sobre todo, co fin de mellorar os servizos e a atención aos cidadáns en poboacións onde impera a boa relación e a sintonía veciñal.

23 de xullo de 2015 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.