Os alcaldes da Lama, Fornelos, Cotobade e Ponte Caldelas reúnense para analizar os custos do punto limpo
Os alcaldes da Lama, Fornelos, Cotobade e Ponte Caldelas mantiveron unha reunión na mañá de hoxe no Concello da Lama para analizar os custos do punto limpo que utilizan os catro municipios e que precisa dun novo convenio regulador que determine o uso e a participación económica de cada un dos concellos participantes.
O custo total do mantemento do punto limpo, que se atopa situado en terreos do Concello da Lama, alcanza uns 29.000 euros anuais e de cuxa xestión se ocupa Urbaser achegando maquinaria para comprimir o lixo e o persoal necesario para atender o funcionamento destas instalacións
A intención dos rexedores é estudar en profundidade os custos das instalacións coa intención de profundar na colaboración entre os catro concellos e favorecer unha repartición equitativa dos custos tendo en conta a poboación e o achegue de resíduos que realiza cada municipio.
Unha vez coñecidas as necesidades do servizo, o alcalde do Concello de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, sinalou que ao ser Urbaser o concesionario do recollida dos residuos sólidos urbanos ten a intención de tratar esta cuestión con responsables da empresa co fin de buscar solucións compensatorias que poidan corrixir a cota á que ten que facer fronte o concello caldelense.