publicidade hoxe

Oroso inviste 39.000 euros no reforzo estrutural da casa consistorial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+
Obras no Concello de Oroso

Obras no Concello de Oroso

O Concello de Oroso inviste case 39.000 euros nas obras de reforzo da estrutura da casa consistorial de Sigüeiro, construída na década dos setenta e que presenta xa numerosas deficiencias construtivas. Unhas obras que deron comezo esta semana e que se prolongarán durante outras tres semanas máis.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, lamenta as molestias que estes traballos poidan causar entre os veciños e veciñas, pero lembra que “a Casa do Concello foi construída a principios dos setenta e ten varias deficiencias construtivas que queremos solucionar canto antes porque poderían ser perigosas de non actuar axiña”. Así, mentres duren as obras, servizos como o Rexistro Xeral ou o Padrón, que estaban na primeira planta do inmoble, pasarán eventualmente ao baixo. Por razóns de seguridade e operatividade, durante o desenvolvemento das obras non estará permitido estacionar nas prazas de aparcamento situadas a carón da casa consistorial orosá.

Así mesmo, o Concello de Oroso lembra que a veciñanza tamén ten á súa disposición todos os servizos municipais a través da páxina web municipal: www.concellooroso.com e na sede electrónica de Oroso, dende onde os veciños poden realizar calquera tipo de trámite on-line.

 

15 de xullo de 2015 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.