O xulgado ordena a liquidación da filial de compras de Blusens
O titular do Xulgado do Mercantil de A Coruña, Pablo González-Carrero, ordenou a apertura da fase de liquidación de Blusens Technology SLU, a filial de compras do grupo de electrónica de consumo fundado en Santiago. O Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (Borme) recolle este martes o auto de apertura da liquidación sobre esta filial, que estaba en concurso de acredores dende outubro de 2013.
Entón, Blusens Technology SLU presentou o concurso voluntario de acredores coa pretensión de “reestruturar a súa débeda e buscar novas alternativas de financiamento”.
A débeda bancaria elevábase por aquelas datas a 18,5 millóns de euros, despois de amortizar liñas de financiamento por máis de 20 millóns de euros de 2010 a 2013. O pasivo da sociedade ascendía a 39,5 millóns de euros fronte a un activo de 33 millóns.
A compañía mantiña débeda bancaria sobre todo coas entidades Bankia, Grupo Popular, NCG (agora Abanca), Santander e BBVA. Ademais, sostiña que o concurso voluntario de acredores non afectaba nin á cabeceira do grupo, Blusens Global Corporation –tamén con sede en Compostela–, nin ás demais filiais.











