O Sporting Bértoa da Laracha proclámase campión do torneo de peñas de fútbol

Sporting Bértoa da Laracha
Sporting Bértoa da Laracha foi o campión da edición 2015 do Campionato de Peñas de Fútbol “Concello da Laracha” tras vences por 2-1 a Estramil no encontro que se disputou o pasado sábado no Campo Municipal e que se decidiu nos últimos instantes.
Deuse a casualidade de que a final enfrontou aos mesmos equipos da edición do ano pasado na que Estramil vencera a Sporting Bértoa desde os lanzamentos de penalti. Nesta ocasión o encontro tamén foi moi emocionante e non se decidiu ata os intres finais.
Na primeira metade Estramil levou o peso do encontro e da posesión. Non obstante, na media hora inicial foi Sporting Bértoa da Laracha o equipo que creou as mellores ocasións, beseando o seu xogo nunha férroa defensa e na velocidade ao contraataque. Antes do descanso Estramil tamén demostrou ser un conxunto poderoso no xogo aéreo a balón parado con dúas excelentes cabezadas tras centros de Breo: unha rematou no longueiro e a segunda en gol, aínda que foi anulado por fora de xogo.
No comezo da segunda metade Estramil púxose por diante no marcador grazas a un tanto de falta directa de Periscal (min. 56). Nos seguintes minutos Estramil controlou o xogo sen dificultades. Sporting Bértoa da Laracha non era quen de escapar da presión no centro do campo do seu rival, pero nos minutos finais fixo un último esforzo logrando Loureiro conseguiu o 1-1 (min 79).
Ante o empuxe de Sporting Bértoa da Laracha, Estramil estivo indeciso a nivel defensivo nos intres finais. Despois de errar unha ocasión a porta baleira, finalmente o Sporting Bértoa da Laracha fíxose coa vitoria co gol de Iván a un minuto para o final.
O evento pechouse co acto de entrega dos trofeos, que foron entregados polo alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de deportes, Patricia Bello. Ademais do premio ao campión (Sporting Bértoa da Laracha) e subcampión (Estramil), San Ramón Veteranos recibiu o galardón do terceiro clasificado e San Román foi cuarto. O encontro da final de consolación que disputaron os dous equipos da parroquia de Cabovilaño decidiuse nos penaltis (7-6) tras finalizar co marcador de 1-1 o tempo regulamentario.











