O Sergas remitirá ao Consello de Seguridade Nuclear a solicitude de autorización de funcionamento da área de Oncoloxía Radioterápica do HULA
A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, visitou esta mañá as dependencias do Hospital Universitario Lucus Augusti onde se vai emprazar o equipamento do Servizo de Radioterapia. A titular da carteira sanitaria, que estivo acompañada na visita polo xerente de Xestión Integrada, Antonio García Quintáns, sinalou que dende a Xerencia de Lugo, Cervo e Monforte vaise remitir de inmediato ao Consello de Seguridade Nuclear, a través da Consellería de Economía e Industria, a solicitude de autorización de funcionamento de instalación radiactiva correspondente á área de Oncoloxía Radioterápica, así como autorización para a implantación nesta primeira fase, do primeiro dos aceleradores lineais de electróns Clinac ix de Varian, recentemente adquiridos. Dita solicitude foi asinada hoxe mesmo por Antonio García Quintáns.
A solicitude inclúe a memoria descritiva da instalación, o correspondente estudo de seguridade, a verificación da instalación e a proposta de regulamento de funcionamento, así como os planos de implantación do equipo e as súas especificacións.
Sinalar, así mesmo, que esta mesma semana Sanidade pedirá ao Concello de Lugo a autorización correspondente para levar a cabo a obra.
Cómpre subliñar que ao longo deste ano o Hospital Universitario Lucus Augusti porá en marcha os servizos de Radioterapia e Medicina Nuclear, grazas ao macroconcurso levado a cabo pola Administración sanitaria galega para a renovación de toda a alta tecnoloxía sanitaria dos hospitais galegos, e que supuxo un investimento de 88 millóns de euros. Nestes momentos, a empresa Varian Medical System está xa a traballar na fabricación do equipo de radioterapia do HULA, e xa realizou as medicións oportunas no búnker no que será instalado.
O Servizo de Radioterapia do Hospital Universitario Lucus Augusti ocupa unha superfice de máis de 1.700 metros cadrados. Atópase emprazada enfronte do servizo de Radioterapia, que dispón de máis de 1.600 medros cadrados, o que fai que entre os dous servizos sumen preto de 3.400 metros cadrados dispoñibles. Ámbalas dúas totalmente preparadas xa para a súa entrada en funcionamento unha vez cheguen os novos equipos.











