O Sergas garante a continuidade laboral do persoal dos servizos non clínicos que serán asumidos pola concesionaria do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a Orde da Consellería de Sanidade pola que se aproba o plan de ordenación de recursos humanos de determinados servizos non clínicos da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo. Este plan ten por obxecto constituír o instrumento básico de planificación para a ordenación dos profesionais adscritos ás unidades non clínicas asumidas pola concesionaria, tratando de conciliar as necesidades organizativas da Administración coa voluntariedade dos traballadores, baixo o prisma do respecto dos dereitos adquiridos.
Esta norma garante que o persoal estatutario fixo de determinas categorías sigan a prestar servizos como persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde noutra categoría profesional, cando menos, do seu mesmo nivel retributivo, recibindo a formación teórica e práctica que sexa necesaria.
Así mesmo, reforza normativamente a Resolución da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo do 28 de novembro de 2014, garantindo ao persoal interino e asimilados un posto de traballo na sociedade concesionaria nas mesmas condicións laborais e retributivas que viñan desfrutando.
Outras medidas
O Plan inclúe outras medidas en beneficio dos profesionais como a ampliación do prazo para a reincorporación ao servizo activo ata o cumprimento da idade de xubilación forzosa no suposto de opción pola situación administrativa de servizos baixo outro réxime xurídico; e a adscrición voluntaria a outros centros do Servizo Galego de Saúde con ocasión de vacante.
Así mesmo, tamén se contemplan medidas en materia de selección de persoal temporal relacionadas coas categorías obxecto de reclasificación, como a incorporación automática a novas listas de contratación temporal, ou a inscrición en áreas limítrofes, previo tratamento na Comisión Central de Seguimento do Pacto de vinculacións temporais do organismo.











