O Santiago Futsal vestirase de visitante no primeiro encontro de Liga na pista do Peñíscola FS
A Asemblea Xeral de La Liga Nacional de Fútbol Sala deu a coñecer esta mañá o calendario oficial para a tempada 15-16. Tras facerse público que a Liga comezará o venres 11 de Setembro, coñecéronse os primeiros enfrontamentos da primeira xornada de Liga.
No décimo terceiro ano do Santiago Futsal en Primeira División, o conxunto dirixido por Santi Valladares inaugurará a tempada na pista do Peñíscola FS o sábado 12 de Setembro ás 18 h, polo que haberá que esperar á segunda xornada de Liga para gozar do equipo santiagués no Multiúsos Fontes do Sar, na que recibirá a Magna Gurpea o 18 de Setembro.
Santiago Futsal repetirá como local na 3ª xornada de Liga recibindo a Movistar Inter, actual campión de Liga, e desprazarase a Levante na cuarta xornada. Posteriormente, recibirá a El Pozo Murcia FS no Multiúsos e viaxará a terras catalás para medirse ao FC Barcelona Lassa. Deste xeito, o conxunto santiagués enfrontarase aos tres primeiros clasificados da Liga 14.15 nas seis primeiras xornadas de Liga.
Así mesmo, tamén se deron a coñecer as datas dos encontros de Copa do Rei. Os 1/16 final disputaranse os días 29-30 Setembro, os 1/8 final entre o 13 e o 14 de Outubro, mentres que os ¼ de final se xogarán os días 27-28 de Outubro. A ida das semifinais disputarase o 3 de Novembro e a volta, cunha diferenza de 3 meses, o 23 de Febreiro. O campión da Copa do Rei decidirase na final que se disputará o 7-8 de Maio de 2016.











