O Santiago Futsal chega a Xapón da man de Santi Valladares e Motonori Baba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O técnico do Santiago Futsal xa se encontra de viaxe de camiño a Xapón, país ao que chegará mañá e no que, durante 15 días, impartirá xornadas técnicas e onde participará no Campus Santiago Futsal Talent Proyect. As Escolas de fútbol sala do Santiago Futsal, que se impartirán en Techi Sasebo e comezarán o día 22 de Xullo cunha duración de 3 días, contan con 10 adestradores inscritos e máis de 30 participantes de categorías alevín, infantil, cadete e xuvenil.

Valladares compartirá sesións técnicas con diferentes equipos do país. Shimabara, Nagasaki, Oita e Tokyo ademais de Techi Sasebo, localidade na que se desenvolverá o Campus do Santiago Futsal, son as cidades nas que o adestrador do Santiago Futsal asistirá a diversas xornadas xunto a adestradores e xogadores do país.

A metodoloxía de traballo do conxunto galego gañou un gran prestixio no país asiático, o que levou consigo a que dende hai máis de 6 anos, equipos e xogadores viñesen a Santiago a aprender as técnicas e os métodos que aquí se desenvolven. En vista deste crecente interese, Motonori Baba, que exerceu de delegado do conxunto branco as dúas últimas temporadas e que se atopa en Xapón dende que finalizara a temporada do primeiro equipo, está a traballar como director de formación do Santiago Futsal en Asia, adestrando diferentes equipos do país xaponés baseándose na metodoloxía do Santiago Futsal.

A iniciativa das Escolas de fútbol sala en Xapón, pioneira nun club galego, é unha grande aposta do Santiago Futsal para expandir e internacionalizar os seus métodos de traballo, e deste modo formar a futbolistas que poidan recalar no conxunto santiagués.

16 de xullo de 2015 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.