O Santiago Futsal A Gaiola perfila o proxecto para a temporada 15-16
A sección feminina do Santiago Futsal xa está a cargar pilas para poñerse en marcha a próxima temporada, que se presenta prometedora para as xogadoras do conxunto branco. Tras finalizar a pasada campaña cunha exitosa participación dos dous equipos na competición ligueira, cumprindo os obxectivos marcados e gozando dun grande ambiente de grupo, agora planifican a temporada 15-16, na que contará cun equipo en Liga Provincial e dous en Liga Local.
Santiago Futsal A Gaiola non só rematou unha campaña de grande éxito deportivo, senón tamén social. Dentro do seu compromiso con labores sociais e de apoio á infancia, a sección feminina do Santiago Futsal volveu organizar o torneo ‘Todo é deporte! ‘ pola igualdade de xénero e non violencia, que contou coa participación de xogadoras da sección feminina, xogadores do primeiro equipo do Santiago Futsal e rostros coñecidos do panorama galego, tanto actores e actrices coma deportistas de nivel internacional, así como xornalistas e cantantes.
Así mesmo, tamén estivo presente noutros torneos benéficos, como o organizado en Cangas pola Escola Futsal Morrazo, “Non á violencia de xénero”, e mesmo se desprazaron a Portugal onde participaron no torneo solidario, ‘Acreditar non Futsal’, organizado pola Asociación Acreditar de Pais e Amigos de nenos con cancro, xunto a unha selección portuguesa, Sporting Lisboa e Benfica.
As colaboracións habituais coa Fundación Andrea e a Escola Camilo José Cela del Hospital Clínico Universitario, así como coa organización de encontros amigables co obxectivo de recadar alimentos con fins solidarios e a preparación de “O Labirinto de Pedra”, actividade lúdica a favor da igualdade de xénero e a non violencia, foron actividades de gran reclamo na cidade compostelá e que, cada vez máis, suman un maior número de participantes.
Agora Santiago Futsal A Gaiola perfila o seu proxecto para a temporada 15-16, que mantendo os obxectivos deportivos e sociais, quere abrir as súas portas a todas as xogadoras interesadas en formar parte do seu proxecto, tanto de categorías base, categorías que incorporará esta temporada para xogadoras dende os 4 anos, coma de categorías sénior nas que contará co equipo de Liga Provincial e os de Liga Local. Para solicitar información ou inscribirse en Santiago Futsal A Gaiola poderase realizar por correo electrónico á dirección santiagofutsalagaiola@hotmail.com ou poñéndose en contacto no perfil de Facebook Santiago Futsal A Gaiola antes do mes de Setembro.











