O rexedor da Coruña reúnese co presidente da Autoridade Portuaria

Ferreiro na reunión co presidente da Autoridade Portuaria
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reuniuse este luns co presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, nun encontro que, segundo as súas propias palabras, se desenvolveu “nun ton de cordialidade”. “Ambos os dous organismos temos claro que hai que traballar polo ben dos cidadáns, con máxima colaboración”, indicou o rexedor.
Na reunión abordáronse varios temas, un dos fundamentais, o proceso de desafectación dos terreos portuarios, no que ambos organismos teñen posturas diverxentes. “Entendemos que a desafectación e a urbanización dos terreos non garanten que se consiga financiamento para o Porto Exterior”, dixo Ferreiro, que indicou que a súa intención foi “deixar claro o punto de vista do Goberno local” con este tema.
“Aquí o que se trata é de traballar polo ben común. Temos dúbidas de que poidamos conseguir o financiamento que precisa o Porto Exterior a través desa urbanización e creo que deberíamos buscar outras opcións”, explicou Ferreiro ante a prensa, unha vez rematada a xuntanza.
O Goberno local aposta porque os peiraos interiores da cidade, no momento no que deixen de ter carácter portuario, se destinen principalmente a dotacións públicas. O Executivo local revisará o convenio firmado a este respecto con Fomento. “Estamos estudando e vendo que podemos facer, porque eses terreos están ao servizo da cidadanía”, indicou. “O que interesa aquí é que a obra teña financiamento e iso é no que hai que centrarse”, engadiu.
Por outro lado, e con respecto ás filtracións de auga do mar no túnel do Parrote, Ferreiro explicou: “Con este tema, o Goberno local non pretendeu nunca ser alarmista, aínda que o que non se podía facer era negar que existían. Agora o que cómpre, é asegurarnos de que a execución da obra sexa normal e cumpra as mellores condicións”, expuxo.
Non obstante, o rexedor coruñés avanzou que as filtracións non estiveron na axenda da reunión de ambos os dous dirixentes. “Non falamos deste tema porque entendemos que é unha cuestión técnica, e polo tanto son os técnicos os que deben falar”, dixo o alcalde da Coruña.











