O R.C.Celta crea unha Área de Psicoloxía e Coaching Deportivo
O Real Club Celta continúa traballando na mellora e potenciación de todas as súas áreas, en reforzar e impulsar o seu crecemento global, e creou un novo departamento encamiñado a enriquecer o rendemento e desenvolvemento persoal e profesional dos integrantes dos distintos equipos da entidade.
Baixo a coordinación de Joaquín Dosil, Doutor en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, onde realizou estudos de Psicoloxía e Psicopedagoxía, Máster en Psicoloxía do Deporte e Máster en Asesoramento e Orientación Familiar, o club creou unha Área de Psicoloxía e Coaching Deportivo que abarca toda a estrutura deportiva celeste.
Esta nova área está integrada por catro psicólogos especializados que traballarán de maneira directa coas categorías inferiores do Real Club Celta, mentres que Joaquín Dosil farao co primeiro equipo. Trátase dun novo paso para potenciar o crecemento global do club, o desenvolvemento e mellora de todos os seus departamentos, un dos principais obxectivos da entidade.











