O proxecto para o muro de Doade xestionado polo PP carece de autorización de patrimonio

Medela na visita aos traballos realizados en Doade
O proxecto para a construción dun muro na parroquia de San Pedro de Doade carece da preceptiva autorización da Dirección Xeral de Patrimonio e estase a executar nun terreo privado, do cal non existe un acordo de cesión ao Concello de Lalín. As obras -que foron planificadas, aprobadas e iniciadas polo Partido Popular- están paralizadas á espera de que o goberno municipal solucione estes incumprimentos da normativa.
Con respecto ao primeiro punto, un informe emitido hoxe polo arquitecto municipal indica que as actuacións están no entorno da igrexa parroquial de San Pedro de Doade. Esta igrexa atópase catalogada polo vixente Plan de Urbanismo co número 2-23 e figura co nivel de protección integral. De acordo co Catálogo de Bens Protexidos, do P.X.O.M, as obras que se pretendan levar a cabo neste entorno necesitan de informe previo vinculante da Dirección Xeral de Patrimonio.
Ademais disto, o goberno municipal vén de comprobar que as actuacións se estaban a desenvolver nun terreo privado dun veciño, sen que se fixese o preceptivo acordo de cesión ao Concello para poder executar as obras. A pesar disto, no último pleno municipal, os populares expresaron a necesidade de incrementar o ancho do camiño no que se está a actuar, o cal agravaría aínda máis a situación.
Para o concelleiro do Rural, Miguel Medela, estamos ante un feito “gravísimo”, xa que se está a construír un muro nunha propiedade privada co traballo de operarios municipais. En palabras de Medela este feito demostra claramente que o seu predecesor no cargo actuaba no rural de Lalín como se fose “a súa finca particular”.
Pola súa banda, o alcalde de Lalín acusa a Rodríguez de actuar de “mala fe” e de “intentar sementar cizaña entre os veciños do rural para enfrontalos co Concello e tapar así a súa responsabilidade directa e documentada nesta desfeita”. Rafael Cuíña pregúntalle a Rodríguez se a súa forma de actuar “non se corresponde co tipo de política que se facía noutra época, no canto de adaptarse á política dos novos tempos que entraron no Concello de Lalín”.











