O principal obxectivo de AGAFE será situar a Galicia en destino MICE de excelencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Asamblea de Agafe

Asamblea de Agafe

A Asociación de Feiras e Eventos de Galicia, AGAFE, celebrou a pasada semana en Expourense a súa Asemblea Xeral Anual na que foron revisadas as actuacións realizadas no último exercicio e que están dirixidas a situar a Galicia nun destino de excelencia e de referencia internacional para a celebración de feiras, congresos e eventos. As accións promovidas por esta entidade son as integradas no proxecto “GAL-EVENTOS”, un traballo de cooperación coa Universidade de Vigo que responde á necesidade de optimizar as importantes infraestruturas para a celebración de eventos existentes en Galicia, á vez que se incrementa a competitividade das empresas especializadas na súa organización e do elevado número de empresas provedoras de servizos implicadas na súa realización. Na actualidade está a analizarse o impacto socio-económico da actividade do sector MICE en Galicia. Durante a celebración desta asemblea xeral foi reelixido presidente, por unanimidade, o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín Carballo.

Sinalización

Tamén se informou aos asociados dos avances realizados sobre unha das reivindicacións de AGAFE: a deficiente sinalización da maioría dos recintos feirais existentes na Comunidade Autónoma nos principais accesos viarios. Unha representación da Asociación Galega de Feiras e Eventos (AGAFE) reuniuse co Delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, para explicarlle a situación. Alejandro Rubín e Óscar Fontán, presidente e tesoureiro respectivamente de AGAFE, expuxéronlle ao representante do executivo español en Galicia a deficiente sinalización dos recintos feirais, exposicións e Congresos nas autoestradas e autovías no seu acceso ás cidades ou lugares onde se atopan situados. O Delegado do Goberno mostrouse moi receptivo á proposta, compartiu os argumentos recibidos e comprometeuse a tratalo cos responsables do Ministerio de Fomento co fin de que se aumente dita sinalización e favoreza así o acceso de expositores e visitantes a todos e cada un dos palacios de exposicións de Galicia.

Formación

Outro dos eixos fundamentais de actuación de AGAFE é a Formación e por iso, durante a última semana de xuño, impartiuse en Expourense o Curso de Capacitación de “Certificación en Expertos Feiral” organizado coa colaboración do IGAPE e no que participaron unha vintena de profesionais procedentes de 15 empresas asociadas. Estivo impartido por Antonio Brito, director da empresa Newevents Academy, con experiencia internacional e formadores profesionais expertos na organización de feiras e eventos.  Trátase dun curso único en España, non existindo na actualidade outra posibilidade para obter un título similar. Este curso abordou os seguintes bloques temáticos: Evolución histórica das feiras; Formulación e xestión de proxectos; Métodos de captación de expositores e patrocinadores; Captación de audiencias e de visitantes; Produción, operacións e dirección de feiras e Desenvolvemento de planos e esquemas para eventos.

 

1 de xullo de 2015 | 20:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.