O primeiro español que debuxou a Batman e Duperman ofrece unha conferencia este sábado en Liñares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O pazo de Liñares acollerá este sábado, ás 19.00 horas, unha conferencia de José Luis García López, un dos máis reputados ilustradores de cómic do mundo. García López naceu en Lalín no ano 1948 e, tras emigrar a Bos Aires, acabou traballando para a empresa DC Comics, en Nova York. Alí logrou converterse no primeiro español que traballou na realización dos debuxos de personaxes tan populares como Batman ou Superman, aínda que da súa man tamén saíron historias de Wonder Woman ou Atari Force, baseada nos protagonistas do famoso videoxogo.

O autor lalinense tamén foi un dos primeiros españois en ser nominado ao premio Eisner, o galardón internacional que recoñece o traballo dos ilustradores de cómic. En concreto, García López estivo nominado en dúas ocasións. Unha como mellor artista, en 1992, polo seu traballo en Twilight e outra en 1997, xunto con Kevin Nowlan, pola obra Doctor Strangefate

José Luis García López foi o encargado de debuxar o segundo e histórico crossoverentre as dúas grandes editoriais norteamericanas, Marvel e DC. Trátase do dedicado a Batman e Hulk, despois de que Ross Andru fixese o que xuntaba nunha mesma historia a Spiderman e Superman.

Os seus deseños de personaxes aínda seguen a ser utilizados hoxe en día como referencia pola editorial estadounidense.

A concelleira de Cultura, Teresa Varela Fisteus, amosou hoxe a súa satisfacción polo feito de que o concello de Lalín teña a oportunidade de tributarlle o recoñecemento que merece a un dos seus veciños máis destacados no ámbito profesional do cómic internacional. Varela Fisteus anuncia que o autor ten previsto doarlle ao concello de Lalín un debuxo que fará en Liñares o mesmo día da súa conferencia. 

8 de xullo de 2015 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.