O primeiro camión de repartición de auga deixa 12.492 litros no Banco de Alimentos de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Europa Press

O primeiro dos catro camións que chegan este venres a Ferrol provenientes dunha empresa de auga mineral xa descargou a metade da súa carga na delegación ferrolana de Balrial (Banco de Alimentos Rías Altas), para que a entidade subministre, á súa vez, a 25 organismos sociais da cidade.

En torno ás 17,00 horas chegou ás instalacións do Banco de Alimentos na Gándara un primeiro camión cargado con 25.000 litros de auga entre botellas de litro e medio, e garrafas de 5 litros. A metade da súa carga, un total de 12.492 litros, irá parar a través de Balrial a outras 25 entidades sociais, para que, como adiantaba o rexedor ferrolano, Jorge Suárez, a subministración de auga envasada “chegue primeiro aos que máis o necesitan”.

Grande parte dos 12.508 litros restantes teñen como destino o Centro de Recursos Solidarios de Narón, que surtirá a Cáritas e outras entidades. Mentres, a outra parte irá para o pavillón de Santa Icía, onde dende este mediodía o Concello naronés puxo en marcha unha repartición de auga que se prolongará ata as 20:00 horas.

TRES CAMIÓNS MÁIS

Dende as oito da tarde está prevista a chegada doutros tres camións máis que descargarán a auga no recinto feiral de FIMO e dende alí, persoal municipal e de Protección Civil repartirá a carga entre a Casa Solidaria, o antigo Hospicio (Casa da Xuventude) e o centro cultural Carvalho Calero.

En canto á subministración directa a cidadáns, a Armada española, que ten no vicealmirante Manuel Garat o seu máximo responsible en Ferrol, cedeu un alxibe con capacidade de 12.000 litros de auga ao Concello, que previsiblemente se instalará na praza de Armas para que os veciños que o precisen poidan encher os seus recipientes.

25 ENTIDADES BENEFICIADAS

O Banco de Alimentos repartirá botellas e garrafas de auga a un total de 25 entidades sociais da cidade de Ferrol.

Serán Arraigamento, Asfedro, Dignidade, Cáritas -en varias parroquias-, Cociña Económica, Deus e Pan, ADRA, Remar, o refuxio Pardo de Atín, dúas igrexas evanxélicas, o Padroado Concepción Areal e Reto Non as Drogas.

BAIXAN OS NIVEIS DE TRIHALOMETANO

As últimas analíticas, coñecidas polo Concello de Ferrol a primeira hora da tarde deste venres, reflicten un descenso nos niveis de trihalometanos, pero estes seguen sendo elevados nalgúns nós da rede de subministración. Así, fontes municipais da urbe naval concretan que nos puntos de entrega a Narón e Fene se chega a 98 e 96 microgramos por litro, respectivamente.

Mentres, no barrio de Ultramar alcánzanse 106 microgramos por litro, 114 en Recimil, 104 en San Felipe e 102 en Caranza, polo que en todas esas áreas se supera aínda o límite permitido legalmente de 100 microgramos. O enlace co complexo acuático de O Castro, en Mugardos, queda en 102 microgramos e o tamén mugardés da fonte de Peteiro en 76.

17 de xullo de 2015 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.