O PP de Lugo saca adiante unha moción para crear unha comisión sobre o Garañón
O PP de Lugo sacou adiante no pleno municipal deste xoves unha moción para a creación dunha comisión non permanente sobre a urbanización do Garañón, cos votos a favor do nove concelleiros do PP, o rexeitamento do oito concelleiros socialistas e a abstención de Lugonovo, BNG, Cidadáns e Alternativa Cidadá de Esquerdas.
A moción dos populares estipula a creación dunha comisión “que garanta a defensa dos intereses dos lucenses ante a posible responsabilidade patrimonial do Concello, derivada da firma do convenio de O Garañon” en 2005.
O portavoz do Grupo Municipal do PP, Jaime Castiñeira, explicou que o obxectivo da comisión debe ser “buscar o modo de derrubar as torres de O Garañón sen custo algún para a cidadanía de Lugo”, en referencia á millonaria indemnización que contempla o convenio asinado entre o promotor e o equipo de goberno de José López Orozco, no que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, era concelleiro de Urbanismo.
Lugonovo e ACE presentaron unha emenda conxunta para ampliar a comisión non permanente a todo o Plan Xeral de Ordenación Municipal e permitir a participación de colectivos sociais, como a Plataforma en Defensa das Costas do Parque.
O concelleiro de Lugonovo Iñaki García argumentou que a comisión do PP “non ten como obxectivo o estudo completo e pretende sacar protagonismo político” e acusou aos populares de ser os que aprobaron en 1991 a PXOM que incluía a edificabilidade desa parcela.
REPROCHES CRUZADOS
Tamén o portavoz do BNG, Rubén Arroxo, advertiu que “o PP non quere derrubar as torres” e cualificou de “curioso” o feito de que “veña agora o PP a defender os dereitos dos lucenses en urbanismo, cando votaron a favor e pactaron a PXOM da especulación”.
Ao seu xuízo, Castiñeira pretende un “lavado de cara do PP” e reprochoulle que “falar da indemnización de 25 millóns non é defender os intereses dos veciños, senón o interese doutras persoas”.
“Queremos saber por que se decidiu urbanizar, por que o PP decidiuno e tamén saber por que Orozco e Besteiro deixaron de recordo estas torres”, afirmou o portavoz de ACE, Carlos Portomeñe.
O portavoz do PSOE, Miguel Fernández, respondeu as acusacións de Castiñeira sobre o convenio entre promotor e goberno local con que “sexan seis ou catro edificacións as previstas” non cre que teña “excesiva importancia, porque o importante é que froito do esforzo do PSOE rebaixouse o volume de edificabilidade”, respecto da prevista na PXOM aprobado polo PP.
Así mesmo, o socialista advertiu que o goberno local non tomará ningunha decisión mentres non se resolva o contencioso presentado no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
A portavoz de Cidadáns, Olga Louzao, avanzou que non apoiarán a constitución de ningunha comisión mentres non se detalle o obxectivo”. “Non nos gusta o xogo mediático nin o circo na nosa política”, concluíu.











