O porto de Vigo recibe a máis de 7.700 persoas a bordo do ‘Ventura’ e o ‘Queen Elizabeth’
Tras a escala onte do ‘Britannia’, con preto de 5.000 persoas a bordo, o Porto de Vigo recibirá hoxe unha dobre escala de cruceiros, protagonizada polo ‘Ventura’ e o ‘Queen Elizabeth’. Ambos os buques, deixarán en Vigo a máis de 7.700 persoas nunha única xornada.
Procedente de Southampton (Gran Bretaña), o ‘Ventura’ chegou á Estación Marítima ás 07.30 horas e está previsto que sobre as 16.00h., aproximadamente, poña rumbo a Alacante. Durante a súa estancia na nosa cidade traerá a bordo un total de 3.408 pasaxeiros de até 19 nacionalidades distintas (3.355 británicos) e 1.177 tripulantes.
Pola súa banda, o ‘Queen Elizabeth’ chegou a Vigo ás 08.00 horas procedente tamén de Southampton (Gran Bretaña) e ás 16.30h. continuará coa súa singradura rumbo a Lisboa (Portugal), con 2.130 pasaxeiros de 29 nacionalidades (1.907 británicos) e 1.032 tripulantes.
Características técnicas
O ‘Ventura’ foi construído no ano 2008 e ten capacidade para acomodar a un total de 3.574 pasaxeiros e 1.226 tripulantes, ao longo dos seus 290 metros de eslora e 36 de manga
A bordo, o pasaxeiro ten á súa disposición moitas áreas para o relax e o entretemento, entre as que destacan o espectacular “lounge”, con vistas panorámicas e inspirado na máxica cidade de Nova York, París e Sidney, ou as amplas e agradables zonas refrescantes, coas súas 5 piscinas, unha delas con xerador de ondas.
A súa extensa oferta gastronómica, con restaurantes de todo tipo, e o seu tamén extenso programa ideado para os máis pequenos, son outros trazos que destacan deste buque de 115 mil toneladas de rexistro bruto.
E para os amantes da arte, o ‘Ventura’ conta cunha extensa galería con nin máis nin menos que 7.000 obras ao seu alcance. A bordo existen, ademais, unha infinidade de camarotes de moitas categorías, o 80% deles exteriores e o 90% dos exteriores con balcón privado.
Pola súa banda, o ‘Queen Elizabeth’ é un barco clase Vista, propiedade da mítica Cunard Line. Construído por Fincantieri no seu estaleiro de Monfalcone (Italia), a súa entrega oficial tivo lugar en outubro de 2010.
Trátase do segundo barco máis grande construído por Cunard, despois do ‘Queen Mary 2’. Capaz de transportar algo máis de 2.100 pasaxeiros nun total de 1.050 camarotes, o ‘Queen Elizabeth’ ten 294 metros de eslora por 32 de manga.
A súa decoración é estilo Art Decó e evoca a época da década dos 30’s. Destaca o seu restaurante exclusivo ‘The Verandah’, que ofrece unha experiencia de exquisita cociña, deseño contemporáneo e un servizo impecable con menús creados polo Chef Zimmermann, así como os restaurantes ‘Queens Grill’ e ‘Princess Grill’, moi similares aos do ‘Queen Vitoria’. O ‘Queen Elizabeth’ tamén ofrece o ‘Club Britania’, onde os hóspedes que viaxan nos camarotes categoría “AA” poden gozar dun só asento para cear no momento da súa elección, distanciados dos demais pasaxeiros do ‘Britannia Restaurant’. Así mesmo, o restaurante ‘Aztec’, ofrece cociña rexional mexicana, mentres que o restaurante ‘Jazmin’ ofrece cociña asiática, a partir de influencias de Xapón, Singapura, Indonesia, Tailandia e China.
O ‘Queen Elizabeth’ ofrece, ademais, distintos tipos de habitacións espazosas e luxosas, seis Master e Grand Suites con nomes en honra aos últimos Commodores de Cunard que recibiron o título de cabaleiros.
O 1 de setembro de 2010 Cunard Line deu a coñecer oficialmente que a raíña Isabel II sería a encargada de bautizar ao novo ‘Queen Elizabeth’ nunha cerimonia que levou a cabo na Ocean Terminal en Southampton o 11 de outubro de 2010, un día antes da súa viaxe inaugural.
A raíña Isabel II, con tan só 12 anos de idade, estivo presente xunto coa súa nai, a raíña Elizabeth Bowes-Lyon no bautizo do ‘Queen Elizabeth’ en 1938. A raíña Isabel II tamén bautizou ao ‘Queen Elizabeth 2’ en 1967 e ao ‘Queen Mary 2’ en 2004. A cerimonia foi un gran evento de interese mundial, onde houbo máis de 1.600 invitados de todo o mundo.











