O porto de Vigo recibe a 6.300 persoas a bordo do ‘Anthem of the Seas’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Anthem of the Seas

Anthem of the Seas

O Porto de Vigo recibiu hoxe unha nova escala do xigante ‘Anthem of the Seas’. Trátase da quinta vez que atraca na Estación Marítima viguesa no que vai de ano. E faino, pondo o broche de ouro a unha semana na que foron máis de 18.700 persoas as que chegaron á nosa cidade por vía marítima a bordo do ‘Britannia’, o ‘Ventura’, o ‘Queen Elizabeth’ e, hoxe xoves, o ‘Anthem of the Seas’.

Pertencente á naviera ‘Royal Caribbean’, chegou ás 08.45 horas procedente de Lisboa (Portugal) con máis de 6.300 persoas a bordo -4.743 pasaxeiros e 1.576 tripulantes- de até 62 nacionalidades distintas, na súa maioría británicos -3.485 pax.-) e ás 15.00 horas, aproximadamente, porá rumbo a Southampton (Gran Bretaña).

Con 350 metros de eslora e 40,8 metros de manga, o barco, que protagonizará un total de dez escalas no Porto olívico ao longo desta tempada, conta con 16 cubertas e un rexistro bruto de 167.800 toneladas. 

O ‘Anthem of the Seas’ pertence á nova ‘Clase Quantum’ e está considerado como o barco do futuro, ademais de ostentar o segundo posto entre os cruceiros máis grandes do mundo. Conta con grandes novidades, como o primeiro simulador de paracaidismo en alta mar, un guindastre atalaia que transporta aos pasaxeiros a máis de 90 metros de altura e desde onde poden gozar das mellores vistas, as zonas de lecer máis vangardistas, que inclúen os complexos de deporte e entretemento cubertos máis grandes en alta mar con coches de choque, patinaxe e moito máis. 

Ademais, dispón dos camarotes máis grandes e modernos de  toda a historia de ‘Royal Caribbean’, que inclúen os primeiros balcóns virtuais da industria. Así mesmo, os pasaxeiros poderán gozar da extensa variedade gastronómica dos seus 18 restaurantes, dos seus shows e os seus espectáculos no ‘Music Hall’, ‘Royal Theater’, e a ‘Royal Esplanade’. 

Primeira escala mundial

Pero se por algo destaca o ‘Anthem of the Seas’ é por escoller Vigo como primeiro porto do mundo onde fixo escala o buque, tras a súa inauguración en Gran Bretaña. O Presidente e Director Executivo de ‘Royal Caribbean Cruises’, Richard D. Fain, recibiu oficialmente o novo barco por parte do socio director do estaleiro Meyer Werft nunha cerimonia celebrada o pasado día 10 de abril en Bremerhaven (Alemaña). 

Así, o ‘Anthem of the Seas’ pasou oficialmente a formar parte da flota de Royal Caribbean, que suma xa un total de 23 barcos. Terá a súa base en Southampton (Reino Unido) até o mes de outubro, desde onde visitará o Mediterráneo e as Illas Canarias. No mes de novembro, trasladarase a Nova York. Cape Liberty será o seu porto base, desde onde realizará cruceiros regularmente ás Bermudas, o Caribe e Canadá e Nova Inglaterra.

O barco foi inaugurado en Southampton o pasado 20 de abril, e a súa madriña, a axente de viaxes Emma Wilby, foi a encargada de bautizalo nun evento ao que asistiron ao redor de 1.300 persoas de todo o mundo. 

O ‘Anthem of the Seas’ visitará o Porto de Vigo até en dez ocasións ao longo desta tempada, deixando en Vigo a, aproximadamente, 55.000 persoas, o que reforza, sen dúbida,  a posición de Vigo como porto de referencia para as navieras e consolida o liderado que, desde hai anos, exerce a dársena olívica no Norte de España en canto a número de cruceristas.

30 de xullo de 2015 | 12:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.