O Porto de Vigo acolle a descarga máis complexa da súa historia de equipos eólicos de grandes dimensións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Descarga de equipos eólicos no porto de Vigo

Descarga de equipos eólicos no porto de Vigo

O Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, supervisou esta mañá a operativa de descarga de equipos eólicos de grandes dimensións que viaxan a bordo do buque ‘Lian Hua Song’ e que, desde onte luns, foron apilados na chaira do novo Peirao do Arenal.

En declaracións aos medios tras supervisar os traballos de desembarque, López-Chaves  destacou a importancia desta operativa, que cualificou como “a máis complexa da historia do Porto de Vigo desde o punto de vista loxístico, e en relación cos equipos eólicos”.

Segundo explicou, a operativa, que comezou onte, consistiu na descarga dun total de 21 pas fabricadas en China e que, xunto coas nacelles fabricadas en España que chegaron a Vigo por vía terrestre, serán reembarcadas nun segundo barco con destino a Polonia. 

“Trátase dun tráfico prioritario para o Porto de Vigo cuxa operativa é posible grazas á ampliación dos Peiraos Comerciais”, lembrou o máximo responsable portuario. Segundo apuntou, esta descarga forma parte dun proxecto conxunto de 30 muíños eólicos (nacelles e pas) de 3 megawatios, no que Vigo actúa como ‘porto hub’ de distribución, tanto para a mercadoría que se fabrica en terceiros países (pas) como a de orixe España (nacelles). De feito, esta é a segunda descarga deste proxecto que se realiza no Porto de Vigo, que supón un total de 8 buques (3 de descarga e 5 de carga). 

Pola súa banda, o Director de Pérez e Cía. en Vigo, Ramiro Cobo, subliñou a complexidade desta operativa na que esta empresa consignataria encárgase da loxística integral ‘door to door’, o que supón preto de 40 persoas involucradas nun mesmo proxecto. 

Así mesmo, Cobo destacou a importancia de poder dispor dun espazo para consolidar a mercadoría, de tal forma que se poida garantir a entrega da mercadoría en destino e, neste sentido explicou que “o Porto de Vigo brindounos a súa total colaboración  e ese foi o motivo polo que eliximos Vigo para levar a cabo esta operativa”. 

Sobre o proxecto no seu conxunto, o Director de Pérez e Cía. en Vigo explicou que se trata dunha operativa de embarque/desembarque de 90 pas de 54 metros de lonxitude, ademais de 30 nacelles. Unhas dimensións que Cobo cualificou como “a máis grande das realizadas na historia do Porto de Vigo”. Estes equipos serán exportados desde Vigo a Polonia, onde serán montados dando forma a unha trintena de equipos eólicos de 3 megawatios de última xeración.

De feito, segundo avanzou, as primeiras pezas xa se están montando en destino e o próximo barco cargará 7 nacelles e 21 pas ou, o que é o mesmo, un total de sete máquinas eólicas pendentes de ensamblar en Polonia. Unha vez montadas, converteranse en xigantescas torres eólicas formadas por tres tramos de 90 metros de lonxitude.

Sobre a posibilidade de consolidar a Vigo como porto de referencia neste tipo de operativas, Cobo afirmou que se trata dun punto de partida moi importante e un ámbito adecuado para desenvolver un porto de transbordo para certas mercadorías no futuro”. Así, lembrou que ao longo do pasado ano, a dársena olívica acolleu unha vintena de embarques de torres eólicas fabricadas en España.

7 de xullo de 2015 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.