O porto de Vigo abre as súas instalacións a unha vintena de empresas transitarias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

Unha vintena de responsables de empresas transitarias visitaron esta mañá as instalacións do Porto de Vigo, onde estiveron acompañados polo Presidente da Autoridade Portuaria, Ignacio López-Chaves, quen lles explicou as características das infraestruturas e instalacións da dársena olívica.

Tras unha breve presentación, López-Chaves acompañou á comitiva na súa visita, exercendo de anfitrión fronte aos responsables do transporte internacional de mercadorías ou, como el mesmo explicou en declaracións aos medios, intermediarios entre o exportador ou importador e as compañías de transporte. Unha figura imprescindible e “moi importante” dentro do Porto de Vigo, xa que é quen organiza o enlace entre os distintos transportistas e asegura a continuidade do transporte da mercadoría a través de distintos medios de transporte, ademais de ser o responsable das operacións administrativas relacionadas co transporte internacional.

Por iso, o máximo responsable portuario quixo ofrecer aos transitarios unha “visión global” do Porto, para o que expuxo aos asistentes a contorna no que se asenta, dentro da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a macrorrexión do suroeste europeo, centrándose especialmente no que supón a cidade de Vigo e o resto da súa zona de servizo, cun total de 22 km. de liña de costa portuaria e aproximadamente 3 millóns de m2 de zona terrestre dividida en cinco municipios (Vigo, Redondela, Moaña, Cangas e Vilaboa). 

Segundo indicou López-Chaves, o de Vigo é “un porto xeral contenerizado, altamente cualificado, versátil, natural, seguro e fiable”, cuxo tráfico portuario superou os 4 millóns de toneladas en 2014, das que 3,4 millóns de toneladas fan referencia á mercadoría xeral. “O valor industrial desta mercadoría -salientou- supuxo máis de 11,4 millóns de euros” e, só no capítulo de exportacións, o valor da mercadoría ascendeu a máis de 6.300 millóns de euros ao longo do pasado exercicio, o que dá boa mostra do carácter esencialmente exportador do Porto de Vigo. “Polo Porto de Vigo salguen máis de 40% das exportacións totais de Galicia e o 22% das importacións e é, ademais, a 6ª cidade exportadora de España”, destacou.

Neste sentido, afirmou que Vigo ocupa o primeiro posto en tráfico de pesca fresca e granito, o 2ª en vehículos novos, o 4º da Península en colectores de importación e exportación (sen transbordos), o 5º en pasaxeiros de cruceiro, o 8º en tráfico de colectores (con transbordos) e o 9º en mercadoría xeral.

14 de xullo de 2015 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.