O pleno de Oroso aproba unha modificación de crédito de 70.000 euros para a compra dun tractor debrozadora e trituradora

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O Concello de Oroso investirá 70.761 euros na compra dun novo tractor con desbrozadora e trituradora, logo da aprobación dunha modificación de crédito aprobada no pleno municipal celebrado esta mañá. Unha sesión que comezou cun emotivo minuto de silencio en memoria de José Candal, concelleiro durante moitos anos en Oroso e que foi soterrado onte mércores.

A aprobación da modificación de crédito contou cos 8 votos a favor do PSOE e do BNG e as 5 abstencións de PP e Anova, que cuestionaron que o crédito saia da construción do Centro Cívico de Oroso. O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, explicou que “o Centro Civíco de Oroso vaise facer, perdan coidado. O que pasa é que este ano non se ían comezar as obras e eses cartos servirán para adquirir un tractor que é moi necesario para desbrozar os camiños do noso municipio e que non se puido adquirir por leasing”.

Sector lácteo

Rematado a parte resolutiva, pasouse á quenda de mocións na que os grupos aprobaron por unanimidade unha proposta dos Socialistas de Oroso en defensa do sector lácteo galego. O voceiro municipal do PSOE, Antonio Leira, explicou que “a situación é dramática. Non se pode esperar máis”, polo que pediu a creación dunha plataforma en defensa do sector lácteo, instou ao Goberno a reunirse co conxunto do sector e pediulle á Xunta unha maior vixilancia do que denominou “contratos lixo”. 

A moción contou co respaldo unánime dos grupos municipais. O voceiro do BNG, Xosé M. Pérez, explicou que a situación actual é froito “dunha equivocación continuada. Unha demostración de que as políticas aplicadas fracasaron”; mentres que o voceiro de Anova, Siverio Mirás, instou á Xunta “a poñer orde nas empresas”. O voceiro do PP, Alexánder Doval asegurou que “o problema vén dunha sobreprodución de leite mundial” e lembrou que “a figura do mediador xa existe per non se pode impoñer”. 

Tamén se aprobou, cos 9 votos a favor de PSOE, BNG e Anova, unha moción dos Socialistas de Oroso de apoio ás festas populares e ao sector de espectáculos vinculado ás mesmas. O PP xustificou a súa abstención en que “ata hai dous anos estaban fóra da tributación e agora pagan o 21%. É un sector que debe pagar os seus impostos”. O alcalde Manuel Mirás concordou con que o sector ten que ser regulado e pagar impostos, aínda que puntualizou que “este regulamento obriga ás comisións de festas a facer un proxecto para unha verbena de catrocentas persoas cando nunca houbo problemas”.

Finalmente, aprobouse tamén cos 9 votos de PSOE, BNG e Anova unha moción socialista contra a denominada “lei mordaza”, que Antonio Leira cualificou como “un atraso importante na nosa historia e que recorda os tempos de Franco”. Alexánder Doval xustificou o seu voto en contra en que tamén hai que pensar “na seguridade cidadá dos que non van a unha manifestación” e indicou que “non se pode paralizar unha cidade como Madrid”. Pola súa banda, Xosé M. Pérez xustificou o seu apoio en que “as maiorías absolutas, se non se levan con mesura, levan a equivocacións graves”; mentres que Siverio Mirás cualificou a lei como “innecesaria e antidemocrática”.

Nesta quenda decaeron as tres  mocións presentadas polo PP e Anova. Os populares pedían modificacións na páxina web para incluír as convocatorias e as actas dos plenos, así como a gravación dos mesmos. O grupo socialista votou en contra da urxencia da moción porque “a web está funcionando en óptimas condicións” e porque a gran maioría das peticións xa se están a realizar. No caso de Anova, a moción presentada sobre o sector lácteo decaeu pola aprobación previamente da moción socialista sobre a mesma cuestión e a moción sobre o valor dos terreos urbanístico volveu decaer, xa que non é a primeira vez que se presenta e se rexeita.

Preguntas

Finalmente, na quenda de rogos e preguntas, o voceiro do PP retomou un dos temas da sesión anterior: a modificación puntual número 5 do PXOM. Alexánder Doval anunciou que “se se leva a legalización dos chalés a pleno, votaremos a favor” e preguntoulle ao alcalde cal sería a súa folla de ruta. Manuel Mirás respondeu: “vexo que está arrepentido da votación que fixo hai uns días. Vostede está enganando aos veciños. Cando a modificación estea aprobada, as vivendas que o soliciten poderán ser legalizadas” e lembrou que a licenza inicial “foi ben dada, con todos os informes preceptivos”.

30 de xullo de 2015 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.