O pleno da Deputación de Ourense aproba a modificación do convenio co COB para o uso do Pazo dos Deportes “Paco Paz”
A Corporación provincial aprobou hoxe na sesión extraordinaria do Pleno da Deputación de Ourense correspondente ao mes de xullo a modificación do convenio co Club Ourense Baloncesto (COB) para o uso do Pazo dos Deportes “Paco Paz”, acordo que amplía cincuenta anos a utilización destas instalacións deportivas, estendendo a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2070. No momento actual, no que o Club Ourense Baloncesto, tras acadar o ascenso á Liga ACB por méritos deportivos, ten reclamado ante o Consello Superior de Deportes a súa admisión nesa competición, os responsables do dito club solicitaron á Deputación a ampliación da duración do dito convenio por un prazo adicional de cincuenta anos.
Outro dos acordos da corporación provincial foi o de destinar 434.000 euros ao programa Educou, que desenvolverán conxuntamente Deputación e Xunta de Galicia, para obras de reparación e acondicionamento en centros educativos da provincia.
Tamén se aprobou un préstamo participativo para Meisa, por importe de 324.158 euros, para contribuír a impulsar o proxecto da estación de montaña de Cabeza de Manzaneda. A Deputación de Ourense incorporouse a Meisa co 28% das accións, volvendo ao accionariado e dando cumprimento a un acordo plenario unánime, trala iniciativa do presidente do goberno provincial presentada no Debate sobre o Estado da Provincia. Desta maneira, o ente provincial é o segundo accionista da empresa por detrás da Xunta de Galicia, co obxectivo de que se visualice unha aposta por vertebrar o territorio nunha zona que precisa de especial apoio para o seu desenvolvemento como é a contorna de Manzaneda, Trives e Chandrexa de Queixa.











