O museo do Celta abre as súas portas no mes de agosto
Do mesmo xeito que pasado verán, a Fundación Celta de Vigo abrirá as portas do Museo do Real Club Celta de Vigo a partir do próximo luns durante as mañás do mes de agosto. O museo poderá ser visitado de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas. A tarifa normal será de 2 euros e a reducida de 1 euro para nenos de entre 4 e 12 anos e maiores de 65. O acceso será gratuíto para abonados do club, membros colaboradores da Fundación Celta e nenos de 0 a 4 anos.
O Museo Deportivo inaugurouse o 12 de marzo de 1999 e abarca toda a historia do Real Club Celta desde o seu nacemento en 1923 até os nosos días. O Museo conta con diversas salas que nos ofrecen un atractivo paseo pola historia, trofeos conseguidos, placas conmemorativas, banderines, fotografías de múltiples aliñacións, logros no baloncesto e atletismo que permitirán ao visitante lembrar e coñecer a fondo as fazañas do club vigués.
O museo contará de novo cun folleto informativo gratuíto, que servirá de guía para os visitantes e permitirá coñecer algúns dos tesouros máis prezados que conserva o club. Desde a Fundación Celta continúase traballando para achegar o celtismo á sociedade e os valores que este representa, ofrecendo unha experiencia única e exclusiva durante este verán.











