publicidade hoxe

O mural de Emi de las Heras conta con propia zona verde grazas ao traballo de APEM no Horto Infantil Municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Zona verde

Zona verde

Hai uns meses, usuarios e usuarias de APEM (Asociación Pro Enfermos Mentais), a iniciativa Derrubando muros con pintura e o Horto Infantil Ecolóxico de Carballo uníronse baixo un proxecto común: rehabilitar a contorna do mural que a artista carballesa Emi de las Heras realizou nos arredores do Parque Rego da Balsa precisamente para Derrubando muros. A proposta presentouse a finais de marzo, pero as monitoras explican que o traballo se desenvolveu principalmente nos meses de maio, xuño e xullo grazas ao esforzo dun grupo de persoas que se implicaron para poñer en valor a obra artística de Emi de las Heras, pero que tamén colaboraron para visibilizar o labor que se fai en institucións como APEM.

Hoxe foi o peche deste traballo e o resultado reflíctese nunha fermosa zona verde achanzada en varios niveis que separa o mural da área de estacionamento do Rego da Balsa. Facendo balance, todas as partes implicadas consideran que os obxectivos están cumpridos: creouse unha pequena e xeitosa área axardinada que separa os coches da obra artística grazas ao emprego de flores e plantas; fíxose máis visible o traballo de APEM e os usuarios e usuarias asumiron o traballo, a responsabilidade e a motivación de rehabilitar un espazo público e urbano, con citas semanais e cotiás; e aproveitáronse as sinerxías xeradas por Derrubando muros, o Horto Infantil e o traballo de APEM. Despois do labor ben feito, toca descansar as próximas semanas, pero os artífices da iniciativa xa están pensando en seguir colaborando en proxectos similares o próximo curso.

29 de xullo de 2015 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.