O Memorial Rodrigo Maseda Lozano incrementa até 180.000 euros o impacto económico na Mariña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O  Torneo de Fútbol sala Base Memorial Rodrigo Maseda Lozano mantén a súa progresión ascendente e na edición de 2015 incrementou o seu impacto económico na Mariña. A cita organizada pola Fundación Imdecum xerou un retorno para a comarca de 180.000 euros, referencia económica que, unida ao gran nivel deportivo mostrado polos equipos, converte a edición de 2015 na mellor desde a súa estrea, en 2012,  social, deportiva, organizativa, turística e economicamente.

O legado de Rodrigo Maseda Lozano, veciño de Burela e un dos heroes que entregaron a súa vida na traxedia de O Orzán, expándese cada vez máis pola Mariña, Galicia e o resto de España. Na cuarta edición, ampliou a súa presenza na Mariña, con sedes en Foz, Burela, Cervo, Xove, ás que se incorporou e Viveiro, localidade na que Rodrigo Maseda exerceu a súa profesión como policía nacional. 

Ademais de varios clubs lucenses, tamén creceu en Galicia, coa participación de equipos da Coruña, Ourense e Pontevedra. E polo resto de España porque ás comunidades de Asturias, Madrid e Castela e León sumouse Castela A Mancha. Ademais, nesta edición incorporouse a categoría prebenxamín, deleitando co seu xogo e ilusión aos numerosos espectadores que seguiron un evento que se está consolidando como unha referencia nacional. 

Impacto económico na Mariña. Entendendo o impacto económico como xerador de riqueza achegada por axentes externos á localización do evento, é dicir; participantes, afeccionados, familiares, amigos….que acoden a unha determinada localidade ou comarca exclusivamente por mor da celebración do evento deportivo no que van participar os seus equipos, familiares,… e excluíndo da ecuación aos participantes locais.  Seguindo este criterio, o crecemento do impacto económico do Memorial Rodrigo Maseda Lozano na Mariña é unha realidade contrastada e avalada polas cifras. Na edición 2015 o Memorial creceu até os 180.000 euros, 74.000 euros máis que na anterior.

Durante os días  2, 3, 4 e 5 de xullo, o Memorial Rodrigo Maseda Lozano congregou a case 600 deportistas dos que un 60% acudiu desde fóra da Mariña. O torneo contou coa participación de 16 clubs, 8 procedentes de Celanova, Betanzos, Fene, Vigo, Valladolid, Boadilla, Brihuega e Siero.  Entre todos, sumaron 52 equipos, que protagonizaron máis de 100 partidos de Fútbol sala.

En consecuencia, o Memorial Rodrigo Maseda Lozano consolídase como un dos eventos deportivos estivais que dinamizan a economía mariñá e incrementa a súa influencia como promotor turístico da Mariña.  Desde as institucións e asociacións de hostalaría e comercio mariñáns agradeceron e animado á Fundación Imdecum a seguir apostando e traballando por este evento que lembra a memoria de Rodrigo Maseda Lozano.

9 de xullo de 2015 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.