O luns abrirase o prazo para participar no sorteo das rutas no Galeón Cortegada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O luns, 3 de agosto, ábrese o prazo para anotarse no sorteo para acceder ás prazas para as travesías en galeón organizadas polo Concello de Vilagarcía e o colectivo Rompetimóns. Os interesados dispoñen de prazo ata o día 11 para solicitar por Rexistro ou vía mail a solicitude para as rutas que se realizarán os dous últimos fins de semana do mes de agosto. Haberá saídas os sábados e os domingos, dúas de mañá e dúas de tarde, con saída dende o peirao de pasaxeiros de Vilagarcía. Tratase dunha actividade gratuíta.

As rutas realizaranse as fins de semana do 22 e 23 de agosto e do 29 e 30 do mesmo mes. Haberá catro saídas ao día, dúas pola mañá e outras dúas pola tarde, todas dende o peirao de Vilagarcía. O aforo da embarcación é de 9 pasaxeiros por travesía, polo que en total, este ano poderán gozar das travesías en galeón un total de 144 persoas.

As travesías en galeón son xa un atractivo fixo na axenda turística estival de Vilagarcía. A actividade enmárcase no programa de educación medioambiental e etnográfica organizada pola Concellería de Medio Ambiente que dirixe Lino Mouriño.
As rutas en galeón son froito da colaboración que manteñen dende hai anos o Concello de Vilagarcía e a asociación Rompetimóns e que comezou coa concesión dunha subvención por parte da administración local para que o colectivo puidese recuperar esta embarcación tradicional.

O formulario para anotarse no sorteo pódese imprimir dende o taboleiro de anuncios da web municipal e presentar no Rexistro Xeral do Concello entre o 3 e o 11 de agosto en horario de 8:30 a 14 horas; ou enviar por correo electrónico á dirección bmalvar@vilagarcia.es . En cada solicitude poderán inscribirse ata 4 persoas como máximo.

Este é o segundo ano que o Concello opta polo sistema da adxudicación de prazas por sorteo a efectos de garantir a igualdade de oportunidade entre todas as persoas que desexen gozar desta experiencia. A casa solicitude adxudicaráselle un número co que participará no sorteo a realizar a través dun programa informático. A Concellería de Medio Ambiente irá cubrindo as prazas dispoñibles por orde do sorteo e informará aos interesados. De producirse vacantes , recorrerase á lista de agarda tamén en función da orde resultante do sorteo.

Diversión, natureza e etnografía

Con este programa de travesías en galeón, o Concello pretende ampliar a oferta lúdica e turística, dar a coñecer o Parque Nacional das Illas Atlánticas, con especial atención á Illa de Cortegada, e promocionar unha parte da etnografía local ofrecendo a posibilidade de que a xente goce da experiencia de navegar nun tipo de embarcación tradicional moi común na Ría hai décadas.

31 de xullo de 2015 | 11:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.