O Kaiak Tudense xa está preparado para o Descenso do Miño
O Kaiak Tudense xa está preparado para o Descenso do Miño, unha das citas co piragüismo máis importante da tempada. Disputarase o día quince de agosto e xa están abertas as inscricións para a proba popular que se celebrará a partir das catro da tarde con saída na Ribeira de Caldelas e chegada á sede do club, próxima á ponte internacional de Tui. É para todas as idades. Espérase a presenza de ao redor de mil persoas.
O percorrido aproxímase aos oito quilómetros e conta con grandes alicientes. Ao igual que en edicións anteriores, na Ribeira de Caldelas de Tui terá lugar unha gran festa que se iniciará ás doce da mañá con diversas actuacións e animación. A partir das catro da tarde, as embarcacións encherán o río Miño. O Kaiak Tudense dispón dunha gran organización, entre outras cousas para garantir a seguridade de todos os que participarán.
As inscricións pódense realizar a través da páxina web www.kayaktudense.org É necesario realizar este trámite con tempo, para así poder asegurar o dispor dunha embarcación no caso daquelas persoas que non a teñan en propiedade. O club tamén ten previsto un servizo de transporte gratuíto entre Tui e o punto de saída. Así se facilita o traslado.
Serán o preámbulo do descenso de competición. É o máis importante que se disputa en Galicia destas características. Como adoita ser habitual, estarán presentes os mellores padexeiros. Disputarase en todas as categorías. Se espectacular é a chegada a Tui, unha das súas principais imaxes é a saída desde Salvaterra de Miño, con todos os participantes nas beiras para realizar un pequeno percorrido a pé até embarcar nas piragüas.
A proba é seguida por miles de persoas. O Descenso do Miño, tanto a nivel popular como de competición, é o gran evento deportivo do verán en Tui. A estas competicións desprázanse persoas e deportistas de toda Galicia, pero tamén doutros lugares de España e tamén de Portugal.











