O Kaiak Tudense realiza un ensaio do que será o Descenso do Miño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesTui
A-
A+

O Kaiak Tudense realizou o pasado fin de semana un ensaio do que será o Descenso do Miño, a emblemática proba que se realizará o día 15 de agosto. Cincuenta persoas participaron nun percorrido lúdico de sete quilómetros entre Caldelas de Tui e a sede do club instalada nas proximidades da ponte internacional. Na iniciativa, na que colaborou Verde Azul coa achega das embarcacións, estiveron presentes medio centenar de persoas de todas as idades que posúen unha relación co evento, como patrocinadores e organizadores.

A experiencia resultou “positiva”, segundo declararon. O Kaiak Tudense utilizou dúas embarcacións a motor e colocou chalecos salvavidas a todos os participantes como medidas de seguridade. É o que tamén se utilizará no descenso popular do día 15 de agosto. Nesta ocasión unha das novidades foi a presenza de José Luís Bouza, Gabriel Pavón, Rubén Millán, Alberto Díaz e Diego Piña, todos eles padeeiros internacionais, que explicaron aos presentes algúns dos ‘segredos’ do piragüismo.

Os participantes realizáronlles numerosas preguntas. O percorrido realizouse a un ritmo lento, como é tradicional, e estivo vixiado de preto por Esteban Alonso e Manuel Pedrares, adestradores do Kaiak Tudense.

O Descenso Internacional do Miño volverá reunir o próximo día 15 de agosto a máis de mil padexeiros. Á primeira hora da tarde celebrarase o descenso popular e despois o de competición, que se iniciará en Salvaterra de Miño. É a proba máis importante destas características que se disputa en Galicia. O prazo de inscrición abrirase proximamente.

6 de xullo de 2015 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.