publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O incremento da oferta accesible é primordial para consolidar Galicia como destino diferenciado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, clausurou hoxe a presentación da ‘Guía de Rutas Enológicas de España, accesibles para todas las personas’, elaborada pola Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física (PREDIF) que inclúe, entre unha selección de doce rutas accesibles enolóxicas, a Ruta do Viño das Rías Baixas.

O acto contou tamén coa participación de Francisco Sardón, presidente de PREDIF; Alberto Durán, vicepresidente executivo de Fundación ONCE; Santiago Moreno, director xeral da Fundación Vodafone España; Juan Gil, presidente da Ruta do Viño de Rías Baixas; e Elena Ortega, directora xerente de PREDIF.

A guía contén información concreta sobre doce rutas enolóxicas situadas no noso país e a súa accesibilidade. O obxectivo é facilitar a visita a estes percorridos vitivinícolas ás persoas con discapacidade física, intelectual ou sensorial.

Deste xeito, grazas a esta publicación, os turistas poderán coñecer o nivel de accesibilidade dos establecementos turísticos da Ruta do Viño das Rías Baixas e así planificar a súa viaxe e decidir onde durmir, qué bodegas visitar ou que outros plans facer.

Durante o acto, a directora de Turismo de Galicia afirmou que “resulta fundamental que todos, sen ningunha distinción, podamos disfrutar deste territorios caracterizados pola súa forte vinculación co mundo vitivinícola”.

Neste senso, Nava Castro sinalou que Galicia ten que traballar por ser un destino máis concienciado e mellor formado, tendo en conta os diferentes subsectores turísticos en atención ao cliente con discapacidades. “Por isto, é necesario fomentar a mellora na accesibilidade das empresas turísticas galegas e no patrimonio natural e cultural”, engadiu.

A responsable de Turismo da Xunta, explicou que o incremento dos destinos e da oferta accesible en Galicia é primordial para consolidar a nosa comunidade como un destino diferenciado, con oferta específica para todo tipo de segmentos e caracterizado pola atención de calidade ao viaxeiro.

Neste senso, Nava Castro destacou que o Plan Integral de Turismo de Galicia recolle unha liña estratéxica centrada na consolidación de Galicia como destino ambiental, social e economicamente sustentable.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, a dita liña recolle, entre outras accións, a posta en marcha do Programa Galicia Turismo Accesible, “unha actuación que pretende darlle continuidade ao traballo iniciado coa guía de Aloxamentos accesibles”, afirmou.

Así mesmo, Nava Castro destacou o convenio asinado coa Fundación ONCE para a promoción do turismo accesible no Camiño de Santiago, que promove a accesibilidade universal e a aplicación dos criterios do deseño para todas as persoas nas diferentes rutas do Camiño en Galicia.

“O obxectivo de todas estas accións é consolidar Galicia como un destino cunha oferta de turismo social apta para todas as persoas, con independencia da súa idade, discapacidade ou situación”, sinalou a responsable de Turismo da Xunta.

Nava Castro engadiu que esta guía constitúe un exemplo de boa práctica para todos os empresarios turísticos sobre os requisitos de accesibilidade que deben cumprir os seus establecementos.

2 de xullo de 2015 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.