O Igape destaca na Coruña a mellora da formación como unha das claves para impulsar a competitividade empresarial
O director xeral do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe que a capacitación do capital humano é unha das claves para mellorar a competitividade do tecido empresarial galego e facilitar a consolidación da súa internacionalización. Durante a súa intervención esta tarde na Coruña na presentación da conferencia coloquio co profesor e economista José María Gay de Liébana, o director do Igape destacou que, a través do Programa Capacita, a Xunta prevé achegar, durante os dous próximos anos, formación especializada a uns 10.000 emprendedores e empresarios de arredor de 4.000 pemes galegas.
Aguilera salientou que o Capacita mobilizará unha ampla oferta de recursos de formación e especialización, tanto en materias de xestión económica como en ámbitos como os idiomas, especialmente importantes para que as empresas poidan avanzar na conquista de mercados exteriores, e referiuse á profesionalización das persoas e das pemes nas que traballan como un dos obxectivos previstos na Axenda da Competitividade Galicia- Industria 4.0, unha necesidade á que se prevé dar resposta co Programa Capacita, para procurar que a industria 4.0 pola que aposta a Xunta dispoña dos profesionais máis preparados.
Sobre os cambios que debe aplicar a industria para renovarse e facer fronte aos retos do futuro falou precisamente o relator Gay de Liébana, doutor en Ciencias Económicas e Dereito, profesor de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Barcelona e activo colaborador económico en diferentes medios de comunicación.
A conferencia deste relator desenvolverase mañá en Vigo a partir das 9:45 horas no Hotel Pazo Los Escudos, no marco dunha iniciativa organizada conxuntamente pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e o Igape.











