publicidade hoxe

O IGAPE achega ás empresas da Estrada os instrumentos do programa Galicia 1000

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Estrada
A-
A+

Técnicos do Igape achegaron esta tarde ás empresas e emprendedores da Estrada as diferentes liñas de financiamento activadas pola Consellería de Economía e Industria ao abeiro do programa Galicia 1000, para financiar tanto investimentos como circulante.

No marco dunha xornada técnica organizada en colaboración coa Asociación Comarcal de Empresarios da Estrada, coa participación do subdirector de Información do Igape, Francisco López, informouse polo miúdo sobre este paquete integral de financiamento posto en marcha pola Xunta, que ten como obxectivo dar resposta ás distintas necesidades das pemes en función da súa situación.

O programa, que inclúe préstamos bancarios bonificados ou avalados, préstamos directos, préstamos participativos e capital risco, está dotado con 70 millóns de euros e ten capacidade para mobilizar 300 millóns de euros en proxectos empresariais. Unha das liñas do programa son os préstamos directos con fondos Jeremie, que poden chegar ata 1,8 millóns de euros, con prazos de amortización de ata 11 anos e xuros fixos que poderán quedar por baixo do euríbor máis 0,4%.

Neste xornada para empresas explicáronse tamén as características das liñas financeiras activadas para apoiar os investimentos ou financiar circulante para o funcionamento das pemes; liñas de microcréditos ou préstamos bancarios bonificados para investimentos, e de préstamos avalados para circulante do programa ReSolve, todos eles incluídos no Galicia 1000.

Mediante o programa de microcréditos, os emprendedores, autónomos e microempresas poden conseguir préstamos de ata 25.000 euros con xuros bonificados para financiar os seus investimentos. Por outra banda, as pemes poderán acceder a préstamos bonificados superiores a 25.000 euros para financiar os seus investimentos ou circulante asociado. De xeito paralelo, e para cubrir as necesidades específicas de circulante das pemes, a Consellería de Economía e Industria activou, tamén a través do Igape, unha nova edición do programa Resolve, que mobilizará préstamos bancarios avalados, comprendidos entre 3.000 e 150.000 euros, e con prazos de amortización de ata 7 anos.

14 de xullo de 2015 | 20:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.