publicidade hoxe

O home que matou ás súas fillas en Moraña carecía de denuncias por violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMorañaSucesos
A-
A+
Europa Press
Dispositivo de seguridade no lugar do crime

Dispositivo de seguridade no lugar do crime

O home que esta mañá supostamente matou ás súas dúas fillas en Moraña (Pontevedra), David O.R., de 40 anos de idade, estaba separado da nai das pequenas, Rocío V.F., tamén de 40 anos, e non existe constancia de antecedentes de violencia de xénero nin denuncias previas. Segundo confirmaron fontes da subdelegación do Goberno en Pontevedra, a parella tiña a custodia compartida das pequenas, de 9 e 4 anos de idade.

Veciños de Moraña comentaron que o pai tiña ao seu cargo ás nenas durante os últimos 15 días e entre este venres e o sábado lle tocaba a quenda á nai. No ámbito da vivenda familiar da aldea do Casal, na parroquia de San Martiño de Laxe, onde se produciu o crime, a Garda Civil e Protección Civil despregaron un importante dispositivo e unha rúa permanece cortada.

CONSTERNACIÓN

O suceso, que aconteceu sobre as 10,30-11,00 horas deste venres, provocou gran consternación entre os veciños, onde o pai, que tras matar as súas fillas se intentou suicidar, era coñecido porque levaba unha xestoría no veciño municipio de Caldas de Rei.

Pola súa banda, a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro Arcos, desprazouse ata o lugar dos feitos e confirmou que esta noite, ás 21.00 horas, se celebrará un pleno extraordinario para decretar tres días de loito oficial.

A rexedora mostrouse moi afectada polo suceso porque é amiga íntima da nai das pequenas falecidas e tamén o era do pai ata que a parella se separou.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou que se fixo cargo da instrución o xulgado número un de Caldas (Pontevedra), que está en funcións de garda.

O AGRESOR NO HOSPITAL

O suposto agresor foi trasladado ao Hospital Montecelo para ser atendido das feridas que se autoinflixiría no colo. Fontes do centro hospitalario limitáronse a confirmar que o home efectivamente está sendo atendido, pero rexeitaron achegar máis datos sobre o seu estado ao tratarse dun caso sometido a investigación xudicial.

O caso foi tipificado como un delito de violencia no ámbito doméstico ao estar as dúas menores de idade implicadas, segundo informaron fontes da Delegación do Goberno.

31 de xullo de 2015 | 16:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.