O goberno vilagarcián manifesta o seu malestar polo aviso in extremis da visita da directora xeral de xuventude a Cortegada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O goberno local de Vilagarcía pon de manifesto o seu malestar polo incumprimento das normas protocolarias seguidas pola Consellería de Benestar en relación á visita que a Directora xeral de Xuventude realizou esta mañá a Cortegada. O aviso in extremis e fora dos cauces protocolarios deste acto impediu a presencia de calquera membro do goberno local que xa tiñan programadas as súas axendas para primeira hora da mañá e non había posibilidade de cambiar as citas con tanta premura. Dado que non á primeira descortesía deste tipo para co novo goberno de Vilagarcía, o equipo de Alberto Varela prega á administración autonómica que corrixan as formas en prol do debido respecto institucional.

A Directora Xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez Suárez, desprazouse esta mañá a Vilagarcía para visitar aos mozos e mozas que participan dende hai uns días no Campo Internacional de Traballo que se está a desenvolver na Illa de Cortegada. A organización da actividade corre da man do organismo autonómico, pero o Concello de Vilagarcía, a través das Concellerías de Xuventude, Turismo e Medio Ambiente, colabora poñendo a disposición da Xunta as instalacións para o aloxamento dos mozos, así como na organización de actividades lúdicas, turísticas e culturais complementarias ao campo de traballo.

Pese a esta necesaria e debida colaboración, a Dirección Xeral non informou oficialmente ao Concello da visita da súa responsable. Ao parecer, o aviso fíxose as sete da tarde de onte, fora do horario laboral do Concello, mediante chamada telefónica á centraliña municipal. Ata ás 9 da mañá de hoxe o Concello non tivo coñecemento oficial da visita, prevista para as 10:15 horas, a través de chamada telefónica á Concellería de Xuventude, cando xa era imposible que algún concelleiro o mesmo o alcalde puidese cambiar as súas citas para acompañar á directora xeral na visita ao Campo de Traballo que se desenvolve en Vilagarcía e en cuxa organización colabora activamente o Concello. O goberno socialista, considera que este problema teríase evitado se a Dirección Xeral recorrese aos cauces protocolorarios e mandase aviso ao Concello por escrito, vía mail, como sí fixo para convocar aos medios de comunicación.

O goberno de Valera Paz lamenta este tipo de proceder “que só serve para dar un mal exemplo á cidadanía sobre a relación, respecto e colaboración que deben manter as institucións independentemente de quen as goberne” e confía en que “en beneficio de todos, non se volvan a producir”.

22 de xullo de 2015 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.