O goberno vilagarcián eleva ao pleno a supresión de prazas de educadores na escola infantil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O goberno local elevará ao pleno unha proposta da Asociación de Nais e Pais de Alumnos para que a Corporación inste á Xunta a rectificar a súa decisión de amortizar, a partir de setembro, tres prazas de educadores na Escola Infantil “Galiña Azul”, sita no Carril. O alcalde, Alberto Varela, e a concelleira de Benestar, Tania García, mantiveron na tarde de onte unha reunión cos representantes da Anpa “O año Pitaño”, do citado centro, e da xuntanza xurdiu non só o apoio inequívoco ás demandas dos pais e nais, senón tamén o compromiso de reclamar tanto o apoio dos grupos políticos da Corporación municipal coma de presentar, a través do grupo socialista, unha iniciativa ante o Parlamento de Galicia.

Segundo puxeron de manifesto os representantes da Anpa, a Xunta xa anunciou oficialmente que o Consorcio Galego de Benestar amortizará a partir de setembro tres prazas. Unha de mestra, que en realidade nunca se chegou a cubrir dende a apertura do centro; outra de educadora de bebés; e unha terceira de persoal de servizos xerais (PSX). O goberno local comparte a preocupación coa Anpa no sentido de que si as matrículas seguen subindo, incluso con listas de espera nos tramos 1-2 e 2-3 anos, o recorte no número de prazas de educadores non fai mais que deteriorar o servizo.

Ademais, e como sinalou o propia Anpa, a decisión da Xunta é contraditoria cos propios obxectivos que se marca o Consorcio Galego de Benestar: “A aposta pola calidade vertébrase arredor de dous elementos fundamentais: a redución da ratio de alumnos/as por educador/e a formación continua. Para facer posible o primeiro apóstase pola parella educativa, isto é, a presenza de dúas persoas educadoras por aula, o que permite unha atención óptima das crianzas ao tempo que obriga a elaborar un traballo en equipo constante”.

Se o que se fai é suprimir prazas, parece evidente que eses obxectivos non se poden cumprir, de aí o apoio explícito do goberno local á reivindicación de pais e nais; apoio que Alberto Varela confía en que sexa referendado polos demais grupos políticos da corporación na vindeira sesión plenaria.

Investimentos

Para ratificar o apoio municipal á Galiña Azul, o goberno municipal sacou xa a licitación unha das obras máis demandadas por educadores e pais: o arranxo do patio interior da escola, que non só non drena a auga senón que provoca que esta se filtre ao interior das aulas. O investimento, de 40.600 euros e un prazo de execución de oito semanas, consistirá, por unha parte, no levantamento do céspede e retirada da terra para dotar á superficie dun sistema de drenaxe e aporte de area sobre a que se plantará de novo a herba. E, por outro, na substitución do caucho da zona de xogos –actualmente un pavimento continuo e moi deteriorado- por outro de pranchas, o que permitirá a substitución dunha peza concreta cando faga falta sen facer “parches” como os que se ven agora polo deterioro do solo.

23 de xullo de 2015 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.