O goberno municipal de Lalín eleva o seu aforro a máis de 63.000 euros ao ano
O novo goberno municipal de Lalín recortará en máis de 63 mil euros ao ano os seus gastos en salarios. Así se desprende da proposta de organización que se presenta para a súa aprobación no pleno do vindeiro venres, 3 de xullo. Nesa sesión plenaria, a primeira doo presente mandato, tamén está prevista que se lle dea luz verde ao réxime de dedicacións exclusivas dos concelleiros e as indemnizacións por asistencia aos órganos colexiados.
En total, o goberno municipal de Lalín contará con tres dedicacións exclusivas, que recaerán no alcalde, Rafael Cuíña; no primeiro tenente de alcalde, Nicolás González Casares; e no concelleiro do Rural, Miguel Medela. O importe salarial das 3 dedicacións exclusivas é de 121.454 euros ao ano. Destes, o alcalde percibirá 47.227 euros, mentres que o tenente de alcalde cobrará 46.227 euros. Ambos verán así moi reducidas as cantidades que gañaban polo desempeño da súa actividade profesional.
Así mesmo, o goberno decidiu reducir á metade os postos de confianza e libre designación. Pásase dos 4 que había durante o anterior mandato a 2 no actual. O importe total das retribucións salariais para o persoal de confianza baixa aos 49.908 euros anuais, fronte os 153.831 euros que gastaba neste concepto o anterior goberno.
Con todos os cambios na estrutura organizativa do concello, váiselle aforrar aos contribuíntes un total de 63.355 euros ao ano.
Outras medidas de aforro
A proposta que vai presentar o goberno ao pleno de organización contempla ademais a supresión das cantidades por asistencia ás sesións do Padroado Cultural de Lalín. Esta será outra importante fonte de aforro para o concello e, ademais, constitúe o paso previo para a eliminación definitiva deste órgano.
Na sesión plenaria do venres tamén se fixarán as contías por asistencia aos órganos colexiados do concello. Serán 130 euros por asistencia a pleno, 110 por asistencia a xuntas de goberno e 80 euros por comisións informativas. A proposta supón un incremento de 10 euros por asistencia a Xunta de Goberno e de 20 por comisión informativa, aínda que esta suba verase compensada pola redución das comisións informativas, que pasan de 6 a 4.











