O goberno municipal de Ames reúnese co Comité de Empresa e coa Xunta de Goberno Local na Mesa Xeral de Negociación
Esta mañá o goberno municipal mantivo a primeira xuntanza cos representantes do persoal do Concello de Ames. Deste xeito, o alcalde de Ames, José Miñones, e os voceiros/as dos grupos políticos do goberno: Blas García do PSdeG, Genma Otero de Contigo Pódese, e David Santomil do BNG, mantiveron unha xuntanza cos membros do Comité de Empresa e da Xunta de Persoal. Esta primeira Mesa Xeral de Negociación foi unha toma de contacto entre o goberno e os representantes sindicais e falouse dos temas máis urxentes que están pendentes de aprobar. A vindeira xuntanza será o 15 de setembro.
O rexedor municipal comezou dicindo que “esta primeira Mesa Xeral de Negociación é unha toma de contacto para dar a coñecer o novo goberno municipal. Agradecémoslle a todos os membros presentes do Comité de Empresa e da Xunta de Persoal que acudiran a esta convocatoria, e como xa dixemos en reunións anteriores cos traballadores municipais, esperamos que haxa o mellor ambiente posible entre goberno e persoal porque iso vai a ser beneficioso para o traballo diario”.
Ademais, José Miñones, destacou que “unha vez pase a período de vacacións de xullo e agosto convocarase unha xuntanza nunha Casa da Cultura con todo o persoal municipal para presentarlles o novo goberno municipal. Posteriormente, cada concelleiro/a irá reuníndose de xeito individual con todos os traballadores/as da súa área para ir poñendo en marcha proxectos, que están paralizados, e novas iniciativas”.
Dende a parte sindical e dende o propio goberno coincidiron en que se debe establecer un calendario de reunións da Mesa Xeral de Negociación que en principio vai a ser cada tres meses. De tódolos xeito, segundo indicaron dende ambas partes se xorden temas urxentes que é preciso tratar convocaríanse novas reunións extraordinarias da Mesa Xeral de Negociación.
A representación dos traballadores incidiu en que na negociación colectiva que se leve a cabo durante este novo mandato 2015-2019 débese de “garantir a xestión pública de todos os servizos municipais existentes e dos que se poidan crear; modificar a RPT para adaptala ás necesidades organizativas reais da Administración local; rematar coa precarización e inestabilidade laboral existente dentro do Concello de Ames a través de procesos de consolidación de emprego; recuperar o poder adquisitivo dos traballadores/as públicos, e dotarse de ferramentas normativas propias aplicables ao persoal funcionario e laboral”.
Ao final da xuntanza acordouse que durante o mes de agosto o Comité de Empresa e a Xunta de Persoal presentarán un escrito no que se detallarán os temas máis urxentes que deben de tratarse, e aprobarse se procede, na próxima Mesa Xeral de Negociación que quedou fixada para o martes 15 de setembro.
Por último, o alcalde incidiu en que con esta reunión deuse cumprimento a un dos puntos que se recollían no acordo de investidura asinado polas forzas de esquerda do Concello de Ames, que era convocar unha xuntanza de traballo inmediata co Comité de Empresa e a Xunta de Persoal do Concello de Ames para reiniciar o diálogo e a negociación.











