O goberno local de Vilagarcía aproba as bases de participación no comedor de verán
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases polas que rexerá o servizo de comedor para favorecer a conciliación familiar e garantir a correcta alimentación dos máis pequenos durante as vacacións escolares. Ao tempo, o equipo que dirixe Alberto Varela decidiu adxudicar a prestación do servizo á empresa Isa Naveiro, á mesma que xa está desenvolvendo as actividades dos campamento de verán que funciona en Fexdega.
O comedor comezará a funcionar o día 15 e os interesados poden presentar dende mañá e ata o día 13 as súas solicitudes. Para facilitar os trámites, as peticións poderán realizar na mesma Fexdega, onde se desenvolven os campamentos e onde funcionará tamén o comedor. Mañá mesmo a concelleira Tania García, xunto con técnicos de Servizos Sociais, manterá unha reunión cos pais para explicarlles polo miúdo as características do servizo e o baremo a aplicar.
Como xa se anunciou en días pasados, no baremo se establecen distintas bonificacións e reducións, tendo en conta o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM – 532,51€ para 2015). Así, os que teñan unha renda mensual inferior ao 80% do Iprem terán unha bonificación do 100%; os que o teñan entre o 80 e o 100%, do 75%; e así sucesivamente ata chegar a aqueles que superen o 160% o Iprem, en cuxo caso deberán pagar o 100% do servizo. Os prezos establecidos son: segunda quincena de xullo, 45€; primeira de agosto, 45€ e segunda de agosto, 49,50€ (as cantidades varían en función dos días reais de comedor).
O menú conta con primeiro prato, segundo, sobremesa, pan e auga. Pola premura do tempo no que houbo que artellar este servizo, neste ano se ofrece en Fexdega, na mesma sede do campamento de verán e os principais beneficiarios serán, precisamente, os que participan nestas actividades. Con todo, hai que ter en conta que un 20% das 100 prazas ofertas xa estaban reservadas inicialmente para casos propostos dende Servizos Sociais. Para vindeiras edicións, o goberno local quere seguir ligando unha oferta a outra –os campamentos ao comedor, e ao revés- pero noutro emprazamento ou emprazamentos que o fagan máis cómodo para nenos, familias e monitores.











