O goberno ferrolán demandará a protección do ARI para os barrios de Recimil e San Pablo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Goberno local anticipou hoxe que pedirá extender a solicitude do ARI (Área de Rehabilitación Integral) aos barrios de Recimil -como parque público de vivendas- e as vivendas de San Pablo, en Catabois, a maiores da que xa fora solicitada para o barrio de Esteiro e que tramita a Xunta de Galicia. 

Así o avanzou hoxe en rolda de prensa o alcalde de Ferrol, Jorge Súarez.  Se finalmente a Administración galega comunica formalmente esta catalogación, que aínda non lle foi notificada ao Concello, manifestou Suárez, sería “unha boa nova para a cidade”.

Esteiro sería o terceiro barrio de Ferrol en contar coa consideración de ARI que xa teñen o casco vello e A Graña. Esta protección urbanística permite contar con fondos públicos para a rehabilitación e mantemento dos inmobles na zona de protección e compaxinalo con vindeiro Plan Urban. “Vimos arrastrando o déficit en moitos barrios desde hai anos”, dixo Suárez, que avoga pola rehabilitación en positivo no canto de especular con novas construcións.

Praza de Armas 

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, tamén se referiu en rolda de prensa a medida avanzada onte pola concelleira de Urbanismo, María Fernández Lemos, de non autorizar actos masivos na superficie da praza de Armas, atendendo a recomendación dos técnicos que alertaron, por escrito, sobre os danos na estrutura dun espazo público moi deteriorado que require dunha reforma integral que pasa por abrir un concurso público de ideas.

O rexedor reiterou a mensaxe de tranquilidade aos veciños sobre o estado deste espazo público emblemático aos pés do consistorio desde 1967. “Aínda que non se permitan este tipo de aglomeracións con actos públicos, o uso cotiá non entraña ningún risco e estamos a tomar, xa de inmediato, todas as medidas precisas para reforzar a seguridade”, subliñou. 

Suárez lembrou que o primeiro informe técnico alertaba a Administración local dos riscos está datado a finais de marzo do 2015, logo da caída de varios cascotes en febreiro, malia que as primeiras medidas de apuntalamento non se adoptaron a finais en abril “con varios eventos polo medio que tamén habería que analizar”, puntualizou, aludindo as procesións relixiosas. 

“Coidamos que é o momento de acometer unha reforma integral, de ser valentes e de buscarlle unha solución definitiva a praza de Armas”, manifestou o alcalde. 

23 de xullo de 2015 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.