O goberno de Ourense celebra a elección da Praza de Abastos nº1 como destinataria dun dos proxectos con cargo ao 1,5% Cultural
O goberno municipal de Ourense celebra que o Ministerio de Fomento anunciase que a Praza de Abastos nº1 de Ourense será un dos cinco proxectos destinados á recuperación do patrimonio histórico de Galicia, con cargo ao 1,5% Cultural. De feito, o proxecto de rehabilitación e reforma da Praza de Abastos nº1 é o máis cuantioso dos que se consignaron para as catro provincias galegas, xa que o Ministerio de Fomento aportará o 65% do orzamento, ascendendo a aportación ministerial a 3.652.767 euros. A aportación global para os cinco proxectos galegos é de 5.329.835 euros.
O goberno municipal quere agradecer a implicación da ministra Ana Pastor quen, logo das xestións levadas a cabo polo executivo liderado polo alcalde, Jesús Vázquez, mantivo dúas reunións en apenas un mes para interesarse polas necesidades de Ourense, comprometéndose a brindar o seu apoio. “Un compromiso real e efectivo que permitiu poñer sobre a mesa este proxecto, demandado durante moitos anos polos comerciantes da Praza de Abastos e pola cidadanía en xeral”, recalca o alcalde, Jesús Vázquez.
Tal e como sinala o alcalde de Ourense, este importante proxecto permitirá reforzar a área do BIC de As Burgas, un entorno clave para o desenvolvemento turístico e termal da cidade, ademáis de contribuir a reforzar unha aposta decidida polo sector comercial de Ourense, clave dentro do tecido económico local. “Trátase dun proxecto de cidade no que todos nos debemos volcar, ao tratarse dun eixo de desenvolvemento para a nosa cidade. Sen dúbida, estamos ante unha nova magnífica para os intereses xerais de Ourense”.











