O goberno de Lugo reforza o seu compromiso cos gandeiros sumándose á plataforma galega en defensa do sector lácteo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A integración do Concello de Lugo na Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego reforza o “apoio e compromiso incondicionais” que sempre tivo o Goberno local cos gandeiros e as súas reivindicacións, subliñou este martes o voceiro municipal socialista e delegado de Medio Rural, Miguel Fernández, quen avanzou que a entidade local se sumará ás mobilizacións previstas polas organizacións sindicais. O concelleiro e a Alcaldesa, Lara Méndez, participaron na asemblea na que se constituíu onte en Santiago a plataforma galega en defensa do sector lácteo.

Miguel Fernández asegurou que “a improvisación e deixamento” do Goberno central e a Xunta ante a desaparición das cotas e en canto á aplicación efectiva do paquete lácteo están abocando ás explotacións de leite a unha “situación dramática”, con prezos “de miseria, que en moitos casos non cobren nin o 50% dos custes de producción, e coa ameaza mesmo de que lles suspendan a recollida do leite”. Deste xeito, o voceiro municipal esixiu “solucións políticas inmediatas” que poñan fin á situación “insostible” que están a vivir os gandeiros.

Piar económico

“Se morre o sector lácteo, morre o rural e esmorecen as cidades”, subliñou Fernández, consciente de que a producción de leite no concello e no resto da provincia “é un dos piares que sustenta a actividade económica” da cidade lucense.

No Concello de Lugo existen máis de 200 explotacións de vacún de leite, que dan emprego directo a unhas 500 persoas, segundo datos dos sindicatos agrarios. A estes empregos hai que sumarlle os indirectos, como veterinarios, xestorías, venda de maquinaria, empresas de transformación de leite, entre outros.

7 de xullo de 2015 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.