O goberno de Lalín pedirá autorización a patrimonio para poder recuperar o cruceiro e a fonte de Lalín de Arriba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Nicolás González na visita ao cruceiro de Lalín de Arriba

Nicolás González na visita ao cruceiro de Lalín de Arriba

O tenente alcalde e concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, achegouse hoxe a Lalín de Arriba, acompañado de técnicos municipais, para comprobar o estado do cruceiro e da fonte da citada parroquia. Tras comprobar as deficiencias e valorar as actuacións precisas para a súa reparación, elaborarase un informe municipal que será remitido o antes posible a Patrimonio, para que autorice as restauracións e especifique os procedementos técnicos e actuacións necesarias para levalas a cabo.

 González Casares estivo previamente reunido con veciños e veciñas de Lalín de Arriba, que lle transmitiron a súa preocupación polo mal estado dos monumentos e a súa intención de reparalos. Así, tal e como se puido comprobar, o cruceiro, de enorme valor histórico e patrimonial, sofre graves problemas estruturais e de estabilidade, derivados principalmente do mal estado da súa base, que poñen en risco a súa solidez e ameazan a súa pervivencia. Así mesmo, debido á falta de coidados, está sucio e invadido por vexetación. Dende o concello considérase prioritario restaurar a peza monolítica, de especial beleza escultural, pola importancia artística, social e cultural que adquire para Lalín.

Por outro lado, con respecto á fonte parroquial, que se encontra a carón do cruceiro e que tamén ten unha gran importancia patrimonial e social, revisarase e tratarase de atopar a causa de que leve seca varios anos. Posteriormente recompoñerase e tentarase poñela en funcionamento de novo. Tal e como explicaron os técnicos, esta tarefa será “complexa”, debido á dificultade que pode entrañar a reestruturación das canalizacións.

16 de xullo de 2015 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.