O goberno de Lalín espera rectificacións do Consorcio xa que se vai producir un incremento na demanda de prazas das garderías

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O goberno local agarda que o Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar rectifique a súa decisión de recortar prazas nas garderías públicas de Lalín, máis cando esta previsto que se produza un incremento na demanda de usuarios. Segundo o tenente de alcalde e concelleiro responsable de Benestar Social, Nicolás González Casares, “a decisión non fai máis que confirmar os recortes aos que a Xunta somete aos servizos públicos”. Así mesmo, cualifica de “lamentable” que dende a administración autonómica “se lle chame agora reaxustes ao que son recortes puros e duros de servizos á cidadanía”.

González Casares insistiu na gravidade de que dende o Consorcio non se lle notificase ao Concello a redución de prazas de xeito oportuno e fixo fincapé na necesidade de que se manteñan todos os postos de gardería. Neste senso o edil indicou que o aumento da demanda e os recortes, provocarán que haxa lista de espera no centro infantil do polígono. Dende o goberno de Lalín considéranse “moi necesarios os servizos que facilitan a conciliación, como método de manter e aumentar poboación”. Casares acusou á Xunta e ao PP de contribuír ao despoboamento do Concello e do interior de Pontevedra coas súas políticas de recorte de servizos públicos. 

29 de xullo de 2015 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.