O Goberno de Ferrol fará unha investigación exhaustiva do acontecido coa contaminación das augas
Logo de catro días de restrición no consumo da auga de billa -que rematou ás 19:30 horas deste domingo 19- esta mañá tivo lugar unha longa xuntanza no edificio administrativo na Praza de España na que tomaron parte Suárez e os rexedores de Ares, Mugardos e Fene, asi como a primeira tenente de alcalde de Narón.
Pola parte da Administración galega asistiron a xefa territorial de Sanidade, Cristina Pérez, e a delegada da Xunta na provincia, Belen do Campo, como única a representante do Goberno galego en comparecer na cidade nestes catro días.
Foi unha reunión longa que se prolongou das 11 as 14:00 horas no que a Administración galega fixo un relatorio que non comparte este Goberno local.
O alcalde, Jorge Suárez, sinalou que o labor da Xunta nestes catro días se limitou a facer un único control diario ante un problema tan severo de calidade das augas que é unha cuestión de saúde pública. O primeiro edil de Ferrol defende que é fundamental que os Plan de Emerxencia se activen, alegremente ou non, cando está desabastecida a poboación.
“Coido que chamar para ver se se precisa algo non é unha actuación propia dunha autoridade competente en materia de saúde pública ante unha situación que deixou a poboación sen auga potable (tres días no caso de Ares, Fene, Mugardos, Narón, e catro para Ferrol)”, manifestou o rexedor. “Menos cando vemos que o señor Feijóo estivo onte tomando algo na praia de Doniños mentres nós aínda non sabiamos como se ía resolver esta problemática”, engadiu.
“Tiña que ter sido unha actuación moito mais contundente que, lamentablemente, non se deu”, dixo Suárez. “Toca analizar as causas desta situación, sacar consecuencias e construír en positivo un plan para evitar que esta situación se repita no futuro”, concluíu.
INVESTIGACIÓN DA FISCALÍA
O alcalde manifestou o seu desexo de poñerse de inmediato a disposición da Fiscalía para transmitir toda a información e avanzar na depuración das responsabilidades que se deriven.
Ademais da actuación do Ministerio Público, o Concello de Ferrol fará a súa propia investigación interna en Emafesa a maiores da que realice a Administración autonómica, tal e como avanzou hoxe.
Doutra banda, e en resposta as preguntas dos medios, o rexedor ferrolán pediulles “prudencia e moderación” ao portavoz do PPdeG, Miguel Tellado, nas súas manifestacións a través das redes sociais, e tamén a voceira popular no Concello, Martina Aneiros, antes de lanzar acusacións “alegremente” sen probas documentais causando “dobre alarma na poboación”.
Suárez recordou que o compromiso, a intención e a proposta do Goberno local é que os servizos públicos deberan estar na órbita do público e non privatizados.











