O goberno de Ferrol encargará a Emafesa unha analítica integral das augas da traída

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

O Concello de Ferrol realizará unha analítica integral da auga que suministra Emafesa para tranquilizar á cidadanía, segundo explicou o concelleiro de Turismo, Deportes e Servizos, Bruno Díaz, ao termo da Comisión de Medio Ambiente e Urbanismo na que se abordou esta cuestión. O obxectivo é transmitir á cidadanía a información clara da calidade da auga que se suministra a través de Emafesa.

Ademáis, establecerase un protocolo de actuación. A idea é poder evitar “eivas pasadas”, para que as informacións e comunicacións da empresa cheguen “dun xeito inmediato” ao Concello de Ferrol, posto que o funcionamento que había anteriormente, lembrou, era a emisión dun informe con carácter quincenal, nun xeito de operar que “é mellorable”. 

Así mesmo, vaise dar traslado á Emafesa de instrucións precisas para que se reduzan os “prazos e os tempos das análises ao máximo posible” para evitar dilacións innecesarias, posto que o obxectivo é “que os resultados das analíticas poidan ser mellorados” e para “a tranquilidade de todos non se alonguen máis do preciso”.

Para mellorar a organización e a operatividade, establecerase unha comisión, integrada por técnicos de Emafesa, técnicos do Concello de Ferrol e responsables políticos, que se reunirán de xeito periódico para poder analizar e estudar cuestións como a calidade das augas ou temas de interese relacionados co suministro de auga.

Por último, dende o goberno local transmitiuse unha invitación aos concelleiros dos distintos partidos políticos para que realicen unha visita a Emafesa, de tal xeito que sexan os propios técnicos da empresa os que poidan responder ás dúbidas que se prantexen sobre o ciclo de potabilización e o tratamento das augas.

Bruno Díaz incidiu en que dende o Concello de Ferrol proporase que en futuras actuacións, por parte de Augas de Galicia, se inclúa a mellora do embalse das Forcadas, posto que “existen notificacións cotiás” tanto dende a Consellería de Medio Ambiente como dende a de Sanidade que alertan “sobre a elevada carga orgánica” do embalse. Esta cuestión é competencia de Augas de Galicia e afecta, lembrou, ao estado das augas e ao seu posterior proceso de potabilización.

O concelleiro de Servizos esixiu ademáis “responsabilidades a todos os que tiveron responsabilidades nos últimos anos” e lamentou que algúns aproveitaran os últimos acontecementos “para trasladar o veneno que levan dentro”.

Na Comisión deuse conta de que a primeira comunicación a nivel político dende a Xunta que se recibiu no Concello de Ferrol e que indicaba que a auga da billa non era potable para o consumo humano tivo lugar o día 16 pola mañá, e que dende ese momento se puxo en marcha “o dispositivo pertinente”, se ben Bruno Díaz insistiu en que “en ningún momento se produciu un risco para a cidadanía”.

22 de xullo de 2015 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.