O Goberno de Cangas reúnese con asociacións de mulleres para crear un consello de igualdade
A concellería de Servizos Sociais, Benestar e Igualdade reuníase esta mañá con varias asociacións que traballan dentro do ámbito da muller co fin de formalizar o consello de igualdade municipal. Á xuntanza, promovida pola propia concellería, acudiron: A CEPA, ADICAM, Amas de Casa, Escola Vella do Hío, A ponte de Aldán, Púrpura e Progresistas de Darbo.
Formalizouse así unha primeira toma de contacto para valorar a creación dun proxecto de consello de igualdade municipal coa intención de que estas asociacións traballen en conxunto co Concello, facendo este de nexo, e creando así mesmo unha rede de unión con todas as áreas implicadas. Na seguinte xuntanza, ampliarán a forzas políticas, sindicatos, Anpas e outros colectivos e asociacións interesadas.
As asociacións deron o visto bo á iniciativa, que xa se está a levar a cabo noutros municipios, e que ten como obxectivos: cooperar entre asociacións, promover actividades e iniciativas de igualdade, crear debates, informar sobre dereitos das mulleres, contribuír e traballar na eliminación de barreiras ou a participación con outras concellerías. O concelleiro de igualdade, Tomás Hermelo, afirma que a súa concellería é moi transversal e que pretende así dar visibilidade á discriminación que existe en todos os ámbitos (laboral, salarial, doméstico…) para promover a igualdade en todas as areas. Ademais, puxo en valor o traballo que estas asociación realizan diariamente coas mulleres.
4º Plan de Igualdade
Por outra banda, está prevista para este mesmo ano a realización dun novo plan de igualdade, que será o cuarto elaborado polo Concello de Cangas. Dende a Concellería de Igualdade pretenden facelo o máis transversal posible, implicando a todas as áreas implicadas.
O plan farase en colaboración tanto da parte institucional coma de organismos de fóra do concello que traballan no día a día coa muller. Hermelo recalca que para elaboralo “precísase a colaboración de todas as partes implicadas”. Ademais, explica que a eliminación da discriminación sexual pasa por facer visible esta problemática e traballar conxuntamente con todas as partes implicadas.











